O CPXG rexeita a agresión a unha xornalista na manifestación do metal na Coruña
O Colexio de Xornalistas condenou este xoves o lanzamento de petardos contra unha profesional da comunicación por parte de manifestantes na marcha do metal na Coruña. A decana Belén Regueira, no nome da Xunta de Goberno, dirixiuse aos sindicatos convocantes, que onte á tarde lamentaron o incidente, para reclamarlles medidas para que estes ataques non se repitan nesta ou calquera outra mobilización.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresou onte a súa condena ante a agresión recibida por unha xornalista durante a manifestación do sector do metal convocada este xoves 11 na Coruña. Uns manifestantes, logo de realizar insultos machistas contra a profesional, lanzáronlle de maneira deliberada petardos, o que lle provocou feridas no xeonllo, no que o Colexio cualificou como "un ataque intolerábel contra a liberdade de prensa". Con anterioridade, xa se tiñan producido agresións similares contra comunicadores noutras mobilizacións.
Posteriormente, os sindicatos convocantes (CIG, UGT e CCOO) lamentaron nun comunicado o acontecido, indicando que "non comparten ningún tipo de comportamento agresivo, machista ou violento e que estas actitudes non teñen cabida dentro da súa acción sindical", así como pediron "que non se condene a todo un colectivo de persoas traballadoras".
A decana do Colexio de Xornalistas, no nome da Xunta de Goberno, dirixiuse por carta ás secretarías xerais dos tres sindicatos para reclamarlles medidas para evitar que estas accións intolerables se repitan e colaboración para garantir a seguridade dos e das xornalistas que informan sobre estas e outras mobilizacións e para transmitir aos seus afiliados a obrigatoriedade de respectar o traballo e a dignidade dos profesionais da información.
CPXG