O CPXG rexeita facer máis restrictiva a lei de segredos oficiais

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar o seu máis claro rexeitamento ás intencións declaradas polo Ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, de proceder á revisión da Lei de Secretos Oficiais como método de evitar filtracións ós medios de comunicación e aparicións de documentos que ó seu xuízo deberían permanecer ocultos, en referencia ós desvelados sobre a autorización do Goberno Español ó de Estados Unidos para utilizar os aeroportos con fines presuntamente ilegais.
O CPXG cree que non é necesario salientar o dereito dos informadores a ter acceso a todo tipo de fontes. Colexio está de acordo co Ministro en que posiblemente a Lei, datada en 1968, necesita ser adaptada ós novos tempos, pero considera que dada a situación política na que foi promulgada, en plena dictadura, a reforma non debe ir precisamente na dirección de facela más restrictiva. Pola contra, o Colexio recorda que o partido do Goberno comprometeuse a elaborar unha lei de transparencia informativa que garanta o acceso á información pública.

Quizais esa lei prometida axudaría non soamente ós dereito da cidadanía a ser informada veraz e puntualmente, senón a que non se seguiran producindo irregularidades como as presuntamente cometidas no caso dos papeis de Guantánamo, clasificados como secretos sen o preceptivo acordo do Consello de Ministros.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia