O CPXG rexeita o desprezo reiterado ao xornalismo do Concello de Ourense

A designación como novo director de comunicación do Concello de Ourense dunha persoa sen titulación nin colexiación que acrediten a súa capacidade para exercer un posto informativo representa un ataque máis do consistorio cara o conxunto da profesión. O Colexio de Xornalistas reproba este nomeamento e esixe ao alcalde ourensán que abandone esta práctica de fomentar o intrusismo.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas expresa o seu malestar polo nomeamento do novo director de comunicación do Concello de Ourense, anunciado este mesmo mércores polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. A persoa escollida para o posto carece de titulación en comunicación ou xornalismo ou colexiación que acrediten a súa capacidade para desenvolver os labores informativos e de comunicación propios dun posto como o de director de comunicación, e a súa designación representa un exemplo máis do reiterado desprezo do alcalde de Ourense cara á profesión.

O Colexio Profesional de Xornalistas ten defendido en numerosas ocasións que os postos de traballo de comunicación deben ser desempeñados sempre por xornalistas, e así llo ten transmitido ao rexedor ourensán con motivo doutros nomeamentos previos de persoas alleas á comunicación para postos informativos. Porén, lonxe de desistir nesta desconsideración do oficio de xornalista, o alcalde continuou a colocar en distintos postos informativos a persoas totalmente alleas á profesión e os saberes necesarios para este traballo.

En cumprimento dos mandatos estatutarios de defender a profesión xornalística e garantir a independencia e liberdade informativa, o Colexio de Xornalistas non pode ficar calado. O aval continuado ao intrusismo na profesión informativa non pode ser considerado un tema menor, senón que significa un ataque deliberado contra todo o conxunto de xornalistas. Por isto, o Colexio de Xornalistas reproba este comportamento do Concello de Ourense e ínstao a cesar a súa política reiterada de desprezo á profesión.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia