O CPXG saúda a creación dun epígrafe específico para xornalistas no IAE
O Colexio de Xornalistas celebra a decisión do Goberno de España de crear un novo epígrafe no IAE que dea cobertura axeitada á actividade das e dos xornalistas. A medida, reclamada desde hai tempo pola Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, vai subsanar prexuízos sufridos polos xornalistas á hora de accederen a axudas, concursos ou licitacións públicas.
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) aplaude a decisión do Goberno de crear un novo epígrafe no Imposto de Actividades Económicas (IAE) para as e os xornalistas e profesionais da información. Con esta medida, anunciada no cadro do novo proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado, corríxese un prexuízo histórico para a nosa profesión, que até o de agora tiña que identificarse na declaración deste imposto cun código CNAE correspondente a pintores, escultores, ceramistas e outras actividades artísticas.
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, á que pertenece o CPXG xunto ao resto de colexios de xornalistas do Estado, xa reclamara ao Goberno central en novembro do ano pasado e en distintas reunións posteriores a revisión e modificación do IAE e CNAE para dar unha cobertura axeitada á actividade dos informadores e das informadoras. Finalmente, grazas ás protestas da profesión, os orzamentos de 2022 incorporarán un epígrafe específico para profesionais da comunicación. A existencia deste epígrafe vai enmendar prexuízos ocasionados á hora de acceder a axudas, concursos ou licitacións públicas como xornalistas, ademais de encadrar o exercicio do xornalismo, como fan os estudos universitarios, no ámbito xurídico e social e non no humanístico ou artístico.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia