O CPXG saúda a primeira admisión oficial da indefensión da familia Couso e insiste na necesidade de xustiza
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acolle con satisfacción a noticia de que a Audiencia Nacional vén de condenar ao Estado a indemnizar con cerca de 182.000 euros á viúva e os dous fillos do camarógrafo ferrolán José Couso por non ter prestado axuda diplomática nin para o recoñecemento do carácter ilícito do ataque ao Hotel Palestine en 2003 nin para a reparación das súas consecuencias. Esta sentenza significa a primeira admisión oficial da indefensión da família Couso e o recoñecemento da inacción da Administración ante o asasinato do xornalista galego.
Cómpre lembrar, porén, que esta admisión do desleixo administrativo cara ao caso Couso non pode significar nin o esquecemento deste crime de guerra nin o abandono da loita por que se faga xustiza e teña reparación. Como xa fixo en numerosas ocasións ao longo destes 17 anos de impunidade, o Colexio de Xornalistas quere salientar que os culpábeis da morte de Couso teñen que ser xulgados e que a seguranza de xornalistas en conflitos armados ten que ser garantida, tanto estabelecendo protocolos para a súa protección como asegurando que os ataques a informadores, de se produciren, nunca queden impunes. Neste sentido, o Colexio envía o seu apoio á familia e amigos de José Couso, aos que acompaña agora e sempre na súa loita pola xustiza.
José Couso Permuy faleceu o 8 de abril de 2003 durante a invasión de Irak cando un carro de combate de Estados Unidos disparou contra o Hotel Palestine de Bagdad. Nese ataque tamén morreron o camarógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense pronunciado en repetidas ocasións a favor da investigación do seu asesinato e organiza, desde 2004 e xunto ao Club de Prensa de Ferrol, o Premio José Couso de Liberdade de Prensa na súa memoria.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia