O CPXG solicita á Real Academia Galega que inclúa a titulación de xornalismo nos requisitos dun contrato adscrito ao departamento de comunicación

O pasado venres 2 de xullo, a Real Academia Galega (RAG) anunciou na súa web a convocatoria dun contrato eventual adscrito ao departamento de comunicación. Entre os requisitos para presentarse a este posto incluíase un único grao ou licenciatura, o de Comunicación Audiovisual, malia a que entre as funcións do posto se especifique que están encargarse da creación de contidos audiovisuais e de tarefas de apoio na comunicación da RAG, como a elaboración de notas de prensa e boletíns ou a redacción de contidos para a web.

O decano Francisco X. González Sarria, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, enviou unha misiva a Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG, e a Margarita Ledo Andión, secretaria da RAG e presidenta da comisión avaliadora da convocatoria, para solicitarlles que tomen en consideración a inclusión do grao ou licenciatura en Xornalismo ao par da titulación en Comunicación Audiovisual, por considerar que ambas as dúas son as que se corresponden co posto en cuestión. 

O CPXG, como entidade que representa legalmente os e as xornalistas galegas, lembra que algunhas das funcións que se requiren constitúen traballo xornalístico, que a titulación en Xornalismo ofrece tamén formación en comunicación audiovisual e que as destrezas técnicas específicas que se demandan poden adquirirse mediante diferentes itinerarios formativos. Por todo isto, entende que é preciso realizar os cambios necesarios para incluír o grao ou a licenciatura en Xornalismo entre os requisitos do posto.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia