O CPXG súmase á iniciativa de RSF e Avaaz contra o masacre de xornalistas en Gaza
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia súmase hoxe, xunto a máis de 250 medios de comunicación, á iniciativa de Reporteiros Sen Fronteiras e Avaaz para visibilizar a denuncia dos ataques selectivos contra xornalistas perpetrados polo exército israelí en Gaza e esixir o acceso sen restricións da prensa internacional ao territorio da Faixa. Ás 12:00 desta mañá, ademais, realizarase un minuto de silencio.
A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas ten denunciado xa en repetidas ocasións a situación crítica que están a vivir as e os informadores en Gaza, e este pasado mes de agosto convocaba unha xornada de apoio ao xornalismo palestino á que se sumaron ducias de profesionais dos medios galegos. O Sindicato de Xornalistas Palestinos, que recibiu este ano o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, contabiliza xa 246 xornalistas asasinados, 520 feridos. 50 detidos e 115 instalacións de medios destruídas desde que Israel comezou a súa ofensiva o 7 de outubro de 2023. A comunidade xornalística internacional ten que seguir a levantar a voz contra un dos maiores atentados contra a nosa profesión na historia. É preciso que se deteñan xa os crimes contra as e os xornalistas, que se permita a entrada da prensa internacional e que se garanta o respecto aos dereitos humanos en Gaza.
Por todo isto, a capa da páxina web do Colexio de Xornalistas e as súas redes sociais manteranse hoxe en negro para reclamar o fin do masacre que están a sufrir os e as comunicadoras de Gaza. Á campaña internacional sumáronse máis de 250 medios de todo o mundo, entre eles Al Jazeera (Qatar), The Independent (Reino Unido), Mediapart (Francia) ou Le Soir (Bélxica). En España apoian a iniciativa, de distintas maneiras, medios como El País, EiTB, Prensa Ibérica, La Sexta, elDiario.es, Público, a Axencia EFE, a Cadena SER, InfoLibre, o Grupo Vocento, La Vanguardia, El Periódico de Catalunya, InfoLibre, a Radio Televisión Canaria, Canal Sur, a CCMA, Ara, El Salto, La Marea ou El Progreso de Lugo, ademais de organizacións como o Colexio de Xornalistas e a Rede de Colexios de Xornalistas, comités de empresa, asociacións e outros colectivos.
CPXG