O dano cerebral adquirido, unha discapacidade invisíbel que é preciso coñecer desde o xornalismo

Un momento do almorzo

A sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acolleu na mañá de onte, Día Mundial do Cerebro, un almorzo on/off organizado polo CPXG e Dano Cerebral Galicia, que serviu para presentar as especificidades do dano cerebral adquirido frente a outras discapacidades, coñecer de primeira man o testemuño dunha persoa con esta discapacidade e facilitar algunhas pautas para mellorar a información sobre esta temática. No acto participaron Irene Cancelas Sánchez, responsable de Comunicación de Dano Cerebral Galicia; Pablo Freire Portela, traballador social de Dano Cerebral Lugo e membro do Grupo de Comunicación de Dano Cerebral Galicia; e Lucrecia Alcolado Sánchez, unha muller de 56 anos de Lugo que ten dano cerebral adquirido.

O almorzo comezou cun vídeo sobre o desenvolvemento asociativo, de perspectiva e de dereitos no eido do dano cerebral, ao que seguiu unha presentación a cargo de Irene Cancelas, especialmente centrada nas especificidades do dano cerebral adquirido con respecto a outras discapacidade. Entre estas está a de ser unha discapacidade emerxente, debido ás melloras en urxencias e ao aumento da incidencia do ictus, a súa principal causa; invisíbel, pola multiplicidade de secuelas que pode causar, moitas delas non perceptíbeis a simple vista; e adquirida, o que implica unha ruptura do proxecto vital e un cambio dos roles sociais e familiares. Fronte a esta realidade, en Dano Cerebral Galicia consideran que faltan recursos especializados e reclaman medidas como a facilitación da etiqueta "dano cerebral adquirido" na alta hospitalaria para garantir a continuidade asistencial, a aplicación do Proceso Asistencial Integrado prevista polo Servizo Galego de Saúde, o impulso á vida independente ou a garantía efectiva da accesibilidade universal.

Esta explicación foi completada polo testemuño de Lucrecia Alcolado, que achegou exemplos e anécdotas da súa vida con dano cerebral adquirido desde que lle sobreviu a discapacidade. Así, relatou o comezo de algo que "non é un castigo, é unha condición que tes que aprender a vivir con ela", e as secuelas coas que foi dada de alta logo do seu paso polo hospital. Co apoio de Dano Cerebral Lugo, foi adestrando para recuperar capacidades, como aprender a camiñar ou tomar apuntamentos na Escola Oficial de Idiomas, porque "os camiños iniciais non os recuperas, pero podes mellorar moito". Agora, coñece tamén mellor as súas limitacións ("moitas veces lémbrome de como era e creo que son esa, pero para nada") e insiste na necesidade de "que a xente se entere de que estas cousas ocorren porque eu mesma non o sabía". A conversa tamén insistiu na necesidade de atopar comprensión e evitar ridiculizar as necesidades das persoas con dano cerebral adquirido. Nas palabras de Pablo Freire, "ese comentario de 'que ben estás' moitas veces fai moito dano". 

Por último, o acto chamou a atenci´´on sobre o enfoque co que se trata o dano cerebral adquirido e a discapacidade en xeral, achegando ás xornalistas algunhas claves para reflexionar sobre a súa representación e pautas para unha linguaxe inclusiva e respectuosa, que teña en conta á persoa como un todo, con múltiples circunstancias, entre as que se atopa a discapacidade. Todos estes aspectos están recollidos tamén no dossier informativo que se entregou no almorzo e se disponibiliza agora tamén de maneira dixital. 

CPXG