O Día das Artes Galegas celebra este ano a figura do fotoxornalista José Suárez

A Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano o Día das Artes Galegas a José Suárez. O Colexio de Xornalistas celebra a decisión de conmemorar o allaricense, que exerceu de fotoxornalista en numerosas publicacións, e considéraa unha reivindicación desta disciplina informativa. O vindeiro 13 de abril o Colexio organizará, dentro do programa oficial, un acto divulgativo sobre o labor xornalístico de Suárez, que terá lugar ás 10:00 na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, coa presenza de Xurxo Lobato e Xosé Luis Suárez Canal.

Nado en 1902 en Allariz, José Suárez colaborou xa con 19 anos, aínda como fotógrafo afeccionado, con Vida gallega. Mais é posteriormente cando entra a traballar como fotoxornalista en La Prensa de Bos Aires, co que iniciaría unha traxectoria especialmente desenvolvida neste xornal e en El Día de Montevideo. Como correspondente destas dúas publicacións, trasládase en 1953 a Xapón, unha viaxe que marcaría a súa carreira artística e a súa biografía. Mais as súas fotografías aparecen tamén en moitas outras publicacións, como Cruz y RayaAhora, Mundo Gráfico, Mundial, Estampa, Atalaya, La NaciónCine Graf, Atlántida, Galicia Emigrante, Life ou U.S. Camera. En 1974 morre na Guarda. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) aplaude a decisión da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) de escoller a José Suárez como o homenaxeado do Día das Artes Galegas deste 2026, que se celebra o primeiro de abril, e considérao unha reivindicación do traballo do fotoxornalismo, unha disciplina que xunta a expresión artística co labor informativo, e que non poucas veces foi minusvalorada no eido da comunicación. Para sumarnos a esta conmemoración, o CPXG organiza, dentro do programa oficial de actos, unha xornada divulgativa sobre o labor xornalístico de José Suárez o vindeiro luns 13 de abril na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, na que van participar Xurxo Lobato, colexiado do CPXG e académico da sección de artes da imaxe RAGBA, e Xosé Luis Suárez Canal, referente no estudo da fotografía galega e sobriño do homenaxeado.

Día das Artes Galegas

O Día das Artes Galegas é unha conmemoración instituída en 2015 pola Real Academia Galega de Belas Artes, que se celebra o 1 de abril por ser a que figura rexistrada nos dinteles do Pórtico da Gloria como día da súa finalización. Cada ano escóllese a un homenaxeado da historia da arte galego, de cuxa morte deben transcorrer polo menos dez anos. A primeira persoa homenaxeada foi o Mestre Mateo, tras o que se recoñeceu a Castelao, Maruxa Mallo, Alejandro de la Sota, Luís Seoane, Domingo de Andrade, Laxeiro, Martín Codax, Francisco Asorey, Isaac Díaz Pardo e agora a José Suárez.

O acto central desta celebración vai realizarse nesta ocasión na Casa da Cultura de Allariz o 1 de abril a partir das 19:30 da tarde. Mais a celebración complétase con actividades, exposicións e ciclos de cinema nesta e noutras localidades.

CPXG