O Día Mundial da Radio dedícase este ano á cobertura do cambio climático

Como todos os 13 de febreiro, hoxe celébrase o Día Mundial da Radio. Nesta ocasión, a Unesco quere apoiar as emisoras na cobertura xornalística da emerxencia climática, lembrando que o 2025 debera ser, segundo o acordo de París, un ano clave para loitar contra o quentamento global. Para abordar o cambio climático, a convocatoria avoga pola calidade e diversidade das fontes de información, así como pola independencia editorial.

Este xoves 13 de febreiro conmemórase, un ano máis, o Día Mundial da Radio. Nesta edición, baixo o lema "A radio e o cambio climático", a Unesco quere dar apoio ás emisoras de radio na súa cobertura xornalística da emerxencia climática. A organización internacional lembra que o 2025 é "crucial para abordar o cambio climático", dado que segundo o acordo de París, para limitar o quentamento global a  1,5 °C, as emisións de gases de efecto invernadoiro deben chegar ao seu punto máximo como moi tarde este ano. 

A convocatoria da Unesco insiste en que "as emisoras deben dar prioridade á calidade e diversidade das fontes de información, xa que desempeñan un papel fundamental á hora de abordar as cuestións relacionadas co clima", aínda que recoñece que isto se ve afectado pola "recente escaseza de recursos financeiros das emisoras de radio, que provocou reducións de persoal e un aumento dos custos para obter información contrastada". Neste sentido, sinálase que "a independencia editorial, esencial para servir ao interese público, baséase nunha información libre e independente de influencias empresariais e políticas".

O Día Mundial da Radio foi estabelecido pola Conferencia Xeral da Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realizanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais.

CPXG