O exdecano Francisco G. Sarria é o gañador do XXXV Premio Xosé Aurelio Carracedo de Xornalismo

Reunión do xurado do XXXV Premio Xosé Aurelio Carracedo

Francisco G. Sarria, exdecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e actual vicedecano terceiro, vén de gañar o XXXV Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo, convocado pola Deputación de Ourense, á traxectoria profesional. O xurado recoñeceu tamén a Diego Freire, de Noticias Dispersas, co premio ao mellor traballo xornalístico polo documental “Quen contamina a Limia”, ademais dun accesit a Xosé Lois Colmenero, do Diario do Támega.

O xurado do XXXV Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo acordou conceder o galardón á traxectoria profesional ao xornalista ourensán Francisco González Sarria é o gañador da distinción honorífica pola súa destacada traxectoria profesional na 35 edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que anualmente concede a Deputación de Ourense. Cunha dilatada carreira de máis de corenta anos no mundo da información, a resolución do premio destaca o seu estilo de comunicación da realidade “cun enfoque centrado en Ourense e co emprego da lingua galega como ferramenta comunicativa e nexo cultural”, e ten tamén en conta o destacado labor de defensa activa e comprometida da profesión, exercendo durante oito anos como decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, e na actualidade como vicedecano terceiro.

Francisco González Sarria é unha das voces máis recoñecidas e experimentadas da radio en Galicia, cunha ampla traxectoria que iniciou en Ondas Galicia, despois como xefe provincial de informativos na COPE e logo como delegado da TVG en Ourense. En 1991 puxo en marcha Radio Miño, vencellada a Onda Cero, emisora na que segue a desenvolver o seu traballo. Tamén foi redactor e correspondente en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, Axencia EFE e El País.

Ademais, esta edición de 2026 premiou como mellor traballo xornalístico a Diego Freire Fernández, do dixital Noticias Dispersas, polo documental “Quen contamina a Limia”, un traballo de investigación e produción que, segundo o xurado, “inclúe todas as perspectivas, nun labor ben estruturado, sinxelo de seguir, con datos de fácil comprensión, e cun transfondo moi interesante por se tratar dun asunto de interese para a sociedade”. Foi concedido tamén un accésit ao segundo mellor traballo a Xosé Lois Colmenero, do dixital Diario do Támega, por "Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado".

O xurado do XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo estivo presidido polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, e como vogais Alba Silva, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela; Paulino Pérez, vicedecano da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; Javier Fraiz, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e Xulia Campos como presidenta  da Asociación de Xornalistas de Santiago (Federación de Asociacións de Periodistas de España), actuando como secretario o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Alberto Carnero.

O premio entregarase no transcurso dun acto que organizará proximamente a Deputación e que se comunicará oportunamente.

CPXG