O Foro Territorio Rural Resiliente chama a sensibilizar sobre o rural desde a comunicación

Mesa de comunicación no encontro do Foro Territorio Rural Resiliente (Foto: Fundación Juana de Vega)

O encontro aberto do Foro Territorio Rural Resiliente, celebrado este xoves na Cidade da Cultura, serviu para presentar as medidas e actuacións propostas para a sensibilización e recoñecemento rural do social, expostas pola decana do Colexio de Xornalistas Belén Regueira e a membro da Xunta de Goberno Ángela Casal. Regueira e Casal moderaron tamén a mesa redonda de xornalistas "Como se conta o que acontece no rural e como podemos cambialo?". O traballo do Foro vai continuar cunha serie de grupos de acción, do que o de comunicación estará coordinado polo CPXG. 

O Foro Territorio Rural Resiliente, iniciativa da Fundación Juana de Vega e o Laboratorio do Territorio da USC (LaboraTe) para contribuír á mellora da ordenación e xestión territorial no rural de Galicia, que conta coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, celebrou este xoves o seu encontro aberto na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. A cita serviu para presentar o traballo desenvolvido ao longo dos últimos meses por máis de 100 entidades e persoas, que quere axudar a crear un rural máis activo, resiliente fronte ao lume e preparado para afrontar os retos económicos, demográficos, climáticos e ambientais.

Entre os temas tratados, o terceiro bloque do encontro, moderado pola decana do Colexio de Xornalistas Belén Regueira e a membro da Xunta de Goberno Ángela Casal, abordou a importancia da información e comunicación sobre o rural, a través do coloquio "Como se conta o que acontece no rural e como podemos cambialo?", no que participaron Manuel Cruz, da Televisión de Galicia; Alejandro Gómez, de Campo Galego; María Cedrón, de Somos Agro; e Ignacio Márquez, de Rural Hackers. Regueira e Casal presentaron tamén os resultados da mesa de traballo de comunicación, na que participaron catorce xornalistas relacionados co rural.

Neste bloque, presentáronse unha serie de medidas enfocadas á sensibilización e recoñecemento social do rural. Así, propúxose mellorar o relato e a presenza do rural nos medios, promovendo a concienciación sobre a necesidade de planificación do territorio e difundindo boas prácticas de xestión. Defendeuse tamén a necesidade de incorporar o rural á formación universitaria e profesional da comunicación e de reforzar a valorización social do rural e reconexión entre o territorio urbano e o rural. Por último, recomendouse activar novos relatos culturais, audiovisuais e sociais sobre este territorio. 

O encontro formulou tres actuacións específicas a pór en marcha para fomentar a visibilización e valorización do rural: a creación dunha rede de xornalistas e comunicadores; o estabelecemento dun programa de encontros e eventos nas comarcas rurais que conecten poboación local, empresas, administracións, xornalistas e creadores de contidos para RRSS e entidades sociais; e o desenvolvemento dun programa piloto de sensibilización nos centros educativos. Para levar adiante todas esas medidas, presentáronse no encontro unha serie de grupos de acción que continurarán co traballo do Foro, un deles dedicado á comunicación e liderado polo Colexio de Xornalistas.

CPXG