O Global Project Oasis analiza máis de 3.000 medios dixitais independentes de Europa e América
SembraMedia vén de facer pública a base de datos Global Project Oasis, que analiza 3,238 medios dixitais independentes en 68 países de Europa e América, entre eles 94 españois. De cada un deles dase información como o ano de fundación, a ubicación, o tipo de contido, o tipo de organización editora, o tipo de ingresos, as audiencias ou o número de persoas empregadas. O directorio vai acompañado dun informe que recolle datos como que o principal modo de financiamento é a publicidade, que dous terzos das organizacións teñen ánimo de lucro ou que máis da metade dos medios teñen mulleres no equipo fundador.
A organización SembraMedia, que desde 2015 mapea e analiza medios dixitais independentes, vén de lanzar o directorio Global Project Oasis, que recolle información de 3,238 medios en 68 países de Europa e América. A iniciativa, que conta co apoio do proxecto contra a desinformación Google News Initiative, representa a versión global do Project Oasis Europe, que xa presentara SembraMedia no 2022 con información de 500 medios de todo o continente. O directorio analiza un total de 94 medios no estado español, ningún deles galego.
De cada medio preséntase información detallada nunha ficha que inclúe o ano de fundación, a ubicación, o tipo de contido que ofrece, o carácter con ou sen ánimo de lucro da organización e o xénero das persoas fundadoras, ademais dun marcador que mostra a porcentaxe de ingresos que reciben de subvencións, de publicidade, de achegas da audiencia, de servizos de consultoría ou da produción de contidos para terceiros. Tamén se indican as audiencias, o nome das persoas fundadoras ou directoras e o número de persoas empregadas a xornada completa ou a media xornadas. Por último, nun apartado de transparencia, indícanse datos sobre os datos que comparte cada medio, se dispoñen dun manual deontolóxico ou se publican as súas contas anuais, entre outros.
A nivel global, o estudo recolle que a publicidade é o principal modo de financiamento é a publicidade, presente no 61,7% dos casos, seguida das subvencións (45,3%) e as achegas da audiencia (42,1%). No que fai ao tipo de organización editora, o 60% teñen vontade comercial, mentres que o 32% non teñen ánimo de lucro e o resto responden a formatos híbridos ou aínda non están rexistradas. O 56% dos medios teñen mulleres entre o equipo fundador. O directorio acompáñase dun informe que recolle algunhas das tendencias máis significativas entre os medios dixitais independentes.
O Global Project Oasis está realizado con datos recompilados por máis de 100 investigadores e investigadoras nos equipos de SembraMedia en Europa e Hispanoamérica, da AJOR no Brasil, e de LION Publishers nos Estados Unidos e Canadá. No futuro, planéase a expansión da base de datos a máis países, comezando pola India, Australia, Nova Zelanda, Nixeria e África do Sur.
CPXG