O Goberno aproba o novo sistema de cotización de autónomos

Este martes aprobouse o decreto-lei que modifica o sistema de cotización para traballadores autónomos, no que se inclúen os xornalistas á peza ou freelance. Recollemos nesta información algúns ddocumentos para responder ás dúbidas sobre esta reforma, que afectará ás cotas entre o 2023 e o 2025.

O Goberno de España aprobou este martes 26 de xullo o Real Decreto-Lei 13/2022, que fixa o novo sistema de cotización para traballadores autónomos, que entrará en vigor o vindeiro ano 2023 previa ratificación do Congreso. A reforma estabelece para os próximos tres anos un sistema de quince tramos que determina as bases de cotización e as cotas en función dos rendementos netos da persoa autónoma, como transición ao modelo de cotizacións por ingresos reais que terá que estar en vigor como moi tarde en nove anos. Ademais, implántase unha cota bonificada para os novos traballadores autónomos, de 80 euros durante doce meses, que será extensíbel a outros doce meses adicionais cando os ingresos netos continúen a non superar o Salario Mínimo Interprofesional.

A información sobre este novo sistema de cotización é de especial interese para o colectivo de xornalistas á peza, cada vez máis numeroso dentro da nosa profesión. O propio ministro de Inclusión, Seguranza Social e Migracións xa usou o exemplo dun informador freelance na presentación do novo sistema, e ese mesmo modelo aparece na presentación facilitada polo Ministerio para calcular o rendemento neto dun traballador. Neste exemplo, un xornalista cuns ingresos medios de 900 euros ao mes e uns gastos para exercer o negocio de 185 euros ao mes, ademais da redución por gastos xenéricos do 7%, tería uns rendementos netos de 664,95 euros ao mes, polo que lle correspondería pagar unha cota mensal de 230 euros en 2023. 

Algúns medios e organizacións dedicaronse a debullar o Decreto Lei para especificar as distintas cotas e responder ás dúbidas xurdidas entre o colectivo de autónomos e autónomas. Así, Maldita.es realiza unha explicación detallada de datos e respostas sobre o novo sistema de cotización. A Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos redactou tamén un informe sobre os puntos clave da reforma.

CPXG