O IES Agra do Orzán acolle este xoves dous novos obradoiros de Xornalismo na Escola na Coruña

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Urbano Lugris da Coruña o pasado 20 de abril

O IES Agra de Orzán é o novo centro da Coruña en recibir os obradoiros da segunda edición de Xornalismo na Escola, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’. Os talleres, impartidos por Águeda Penedo, terán lugar este xoves 11 de maio, de 10:30 a 12:00 e de 12:30 a 14:00 horas.

Trátase do cuarto IES da cidade que recibe os obradoiros de Xornalismo na Escola, que xa chegaron ao IES A Sardiñeira, ao IES Urbano Lugrís e ao IES Eusebio A Guarda, o que fai o alumnado desta cidade un dos máis beneficiados por esta actividade. Os talleres estarán impartidos pola xornalista Águeda Penedo e terán como público alumnos e alumnas de cuarto da E.S.O.

O obxectivo dos obradoiros é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as novas nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e as vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar tamén esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG