O IES Alfredo Brañas de Carballo acolle unha xornada especial de Xornalismo Na Escola "la Caixa" con tres obradoiros simultáneos

Obradoiro de Xornalismo na Escola celebrado o 27 de febreiro de 2019 no CPI Plurilingüe Cabo da Area de Laxe

A cuarta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa", a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, entra na súa recta final e celébrao cunha xornada especial este luns 6 de maio no IES Alfredo Brañas de Carballo, onde se impartirán tres talleres simultáneos. Ademais, os obradoiros do instituto carballés contarán coa presenza do xornalista Xosé Ameixeiras como convidado. 

Susana Bastón Carballo, Davide Fernández García e David Fontán Bestilleiro van impartir o vindeiro luns 6 de maio tres obradoiros simultáneos de Xornalismo na Escola “la Caixa” para ao alumnado do IES Alfredo Brañas de Carballo, que se convirte así no protagonista da xornada especial desta cuarta edición da iniciativa para familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación. Os talleres van ter lugar entre as 10:10 e as 11:50 horas.

Para facer máis atractiva a xornada para as e os escolares da localidade bergantiñá, os obradoiros do luns van contar coa presenza como convidado de Xosé Ameixeiras Lavandeira, delegado de La Voz de Galicia en Carballo. Deste xeito, ademais de tratar temas como as fake news, o papel dos xornalistas como mediadores ou a necesidade do contraste de fontes, os alumnos e alumnas poderán coñecer exemplos prácticos próximos que os ilustren sobre o funcionamento e a importancia dos medios de comunicación. 

O alumnado do IES Alfredo Brañas terá a oportunidade de participar así nun taller dinámico no que achegarse ao xornalismo desde outro punto de vista pero sen perder a perspectiva máis local, profundando no coñecemento do mundo da comunicación que é a razón de ser da iniciativa de Xornalismo na Escola "la Caixa".

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG