O IES Terra do Xallas acolle dous novos obradoiros contra a desinformación

Pedro Costa imparte un dos obradoiros no IES Terra do Xallas

Os obradoiros contra a desinformación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chegaron hoxe ao IES Terra do Xallas de Santa Comba, con dous novos talleres impartidos polo xornalista Pedro Costa Manteiga. Estes obradoiros de alfabetización mediática están a desenvolverse en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís liderada pola deputada Soledad Agra.

Unha nova edición dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, visitou hoxe o IES Terra do Xallas de Santa Comba. O alumnado de 4º da ESO puido desfrutar de dous talleres, ás 10:50 e ás 12:50, impartidos por Pedro Costa Manteiga. Costa ten liderado e formado parte de equipos de comunicación e de redes sociais de diferentes entes municipais, provinciais e autonómicos, ademais de pasar pola radio e o mundo da música e colaborar en varios proxectos formativos a prol da comunicación e o diálogo.

Obradoiros contra a desiniformación 

O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. Nestes obradoiros, a rapazada xallense puido coñecer as diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información. O obxectivo do programa é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas.

​Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.

CPXG