O informe anual da FIP sinala 2023 como "un dos anos máis mortíferos" para o xornalismo

A FIP publicou o seu informe definitivo sobre xornalistas e persoal dos medios asasinados e presos no 2023. Os datos da organización internacional recollen 129 mortes de informadoras e informadores, o que fai do ano pasado "un dos máis mortíferos" para a profesión. Ademais, 427 profesionais da información foron encarcerados e encarceradas ao longo do ano.  

A Federación Internacional de Xornalistas (FIP) ven de publicar o seu 33º informe anual sobre xornalistas e persoal dos medios asasinados, que recolle os e as comunicadoras mortos no 2023. O relatorio recolle asasinatos de 129 asasinatos de profesionais da comunicación, das cales catorce foron xornalistas mulleres. Estas cifras fan do ano pasado "un dos máis mortíferos" desde que comezaron os datos da organización en 1990.

Unha das principais causas desta situación foi a guerra de Gaza, onde se produciron o 70% das mortes neste ano: 83 en Palestina, catro en Israel e tres no Líbano desde que se recrudeceu o conflito no 7 de outubro. Isto fixo de Oriente Próximo a rexión máis perigosa para informar o ano pasado, xa que a estes asasinatos cómpre sumar tres máis en Siria. Ademais diso, foron asasinados doce profesionais dos medios na rexión Asia-Pacífico, once en América, oito en África e catro en Europa (dous xornalistas e un fixer en Ucraína e un gardacostas en Tirana).

O documento recolle tamén datos sobre xornalistas e persoal dos medios de comunicación en prisión, cun total de 427 encarcerados e encarceradas. A maior cadea de xornalistas de todo o mundo é, segundo os datos da organización internacional, China, con 80 profesionais presos, seguida de  Myanmar (51), Turquía (41), a Federación Rusa (40) e Belarús. (35).

CPXG