O informe do Instituto Reuters revela un aumento do desinterese informativo

Digital News Report 2024, publicado esta semana polo Instituto Reuters, reflicte que case un 40% das persoas evitan ás veces ás informacións, ademais dun aumento da desconfianza sobre a veracidade das novas e da sensación de infoxicación. España é un dos países onde estas situacións se acentuaron máis no último ano. 

O Instituto Reuters da Universidade de Oxford vén de publicar esta semana a edición do 2024 do Digital News Report, o exhaustivo relatorio sobre o consumo de noticias en todo  mundo que esta institución realiza todos os anos. Entre as conclusións que se tiran do informe, os medios de comunicación destacaron especialmente unha marca histórica moi preocupante para a profesión: case catro de cada dez persoas manifestan un desinterese pola información que as leva a evitar as noticias. 

En concreto, o Digital News Report recolle que o 39% das persoas enquisadas aseguran desconectar das informacións algunhas veces ou frecuentemente, o que representa un punto máis que o último récord, rexistrado hai dous anos, ademais dun considerábel avance sobre o 29% que se manifestaba nese sentido en 2017. España é un dos países onde máis baixa o interese pola información, que descendeu dun alto 85% en 2015 a un 52% este último ano.

As causas para esta situación son moi variadas, pero entre elas atoparíase a crecente desinformación, posto que seis de cada dez persoas consultadas na enquisa aseguran desconfíar da veracidade dos contidos en liña, unha sensación aínda maior en España, onde se eleva a sete de cada dez. A fatiga informativa tamén aumenta, con España como o país que máis empeorou no último ano no ránking da infoxicación, cun 44% das persoas que declaran recibir demasiada información, 18 puntos máis que hai só cinco anos. Os resultados suxiren tamén que a audiencia entende que certos temas críticos non reciben suficiente cobertura, cuns medios máis preocupados en actualizar as novas que en dedicar tempo a ofrecer enfoques diferentes ou explicar as historias con profundidade.

O informe recolle tamén outras tendencias a nivel informativo. Por exemplo, no que se refire unicamente ao caso español, as plataformas seguen a ser a principal fonte de novas online, cun panorama cada vez máis fragmentado onde Facebook perde forza frente á suba de Tiktok, YouTUbe e Instagram. O vídeo é o formato máis importante nas información na internet, e percíbese unha atención cada vez maior a comentaristas partidistas ou influencers. Como punto positivo para os medios, destaca a aparición de podcasts xornalísticos, que atraen audiencias mozas con alto nivel educativo, aínda que se trata polo xeral dunha actividade minoritaria.

CPXG