O martes 30 chegan a Barreiros os obradoiros contra a desinformación do Colexio de Xornalistas

Obradoiro realizado o pasado 5 de xuño en Lugo

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o vindeiro martes 30 de xuño ás 11:00 horas no Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros un novo obradoiro de alfabetización mediática dirixido á poboación adulta. O taller, encadrado no programa de obradoiros contra a desinformación, organizado coa subvención da Deputación de Lugo, estará impartido por Carmen Quintela, e a asistencia é libre e gratuíta, sen necesidade de inscripción previa.

Este martes 30 de xuño vai realizarse, a partir das 11:00 horas, un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunha vintena de localidades lucenses, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai ter lugar no Centro Sociocultural de San Cosme de Barreiros (Rúa Doutor D. Manuel Porteiro García, 1).

O obradoiro estará impartido pola xornalista Carmen Quintela, especializada na cobertura e investigación con enfoque de xénero. Actualmente traballa a distancia como coordinadora editorial da Agencia Ocote, medio guatemalteco especializado en temas de xénero, medioambiente, memoria histórica e verificación; e colabora tamén en medios como elDiario.es. O seu traballo foi recoñecido en dúas ocasións co premio nacional de xornalismo de Guatemala e nunha co premio da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ e o traballo coordinado por ela «No fue el fuego», foi galardoado co Premio Gabo 2022 na categoría de cobertura. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Quinteka recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.

A asistencia ao acto é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa. 

Obradoiros contra a desinformación 

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade. 

Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

CPXG