O martes 7 de abril é o último día para escoller a candidatura gañadora do XXII Premio Xornalistas

O martes 7 de abril ás 14:00 horas remata o prazo para que as colexiadas e colexiados do Colexio de Xornalistas poidan escoller o gañador ou gañadora do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa. As candidaturas propostas para o premio nesta edición son Mary Bruce, Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua e José Precedo. Accede co teu contrasinal e vota aquí.

O XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e outorgado polos seus colexiados e colexiadas, recolle o legado do Premio José Couso para recoñecer a unha persoa ou organización que destaque pola defensa da liberdade de prensa ou sexa, ou fora, perseguida polo exercicio do xornalismo e por protexer o dereito a informar e a recibir información. O galardón ten aberto ata as 14:00 horas do martes 7 de abril o prazo para votar entre as tres candidaturas: Mary Bruce, Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua e José Precedo.

Mary Bruce, correspondente na Casa Branca de ABC News, é unha xornalista con máis de 20 anos de traxectoria profesional, especialmente no ámbito político estadounidense. En novembro de 2025, preguntou a Donald Trump polo conflito de intereses que poderían supor os negocios da súa familia en Arabia Saudita e pola publicación dos arquivos Epstein, e a Mohammed bin Salman sobre o seu papel no asasinato de Jamal Khashoggi. En resposta, Trump atacou verbalmente a xornalista e a súa cadea. Periodistas y Comunicadores Independientes de Nicaragua (PCIN) créase en decembro de 2018 como resposta aos ataques do goberno dese país contra as e os xornalistas, que o sitúan actualmente nun dos últimos postos da clasificación mundial da liberdade de prensa de Reporteiros Sen Fronteiras. A súa candidatura representa unha homenaxe as comunicadoras e comunicadores nicaraguanos que seguen a informar desde o país ou o exilio. José Precedo é, desde os inicios da súa carreira profesional en Galicia, un dos nomes principais do xornalismo político e de investigación en España. O pasado novembro, cando declarou no Tribunal Supremo no cadro do proceso ao Fiscal Xeneral do Estado, defendeu dunha maneira firme e contundente alicerces do oficio como a confidencialidade das fontes e a lexitimidade do traballo informativo.

Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar ata as 14:00 horas do 7 de abril, identificándose co seu usuario e contrasinal a través da web do premio. Se aínda non dispós das claves, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.

O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recolle o legado do Premio José Couso e constitúe unha distinción do xornalismo galego a periodistas de calquera orixe cuxo compromiso mereza o recoñecemento profesional e social. O gañador do ano pasado do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa foi o Sindicato de Xornalistas Palestinos, e baixo a denominación de Premio Couso foron tamén galardoados Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi; Marcos Méndez; Érika Reija; Manuel Rico; Lorenzo Milá; Defende a Galega; Julia Otero; Xosé Hermida; Miguel Ángel Aguilar; Jordi Évole; Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas; Mónica García Prieto; o Consello de Informativos de TVE; WikiLeaks; Daniel Anido e Rodolfo Irago; Rosa María Calaf; José Vidal-Beneyto; Jon Lee Anderson; Le Monde Diplomatique e Ali Lmrabet.

CPXG