O mércores 22 remata o prazo para inscribirse no webinar sobre o tratamento da violencia sexual con Isabel Menéndez

Ata o mércores 22 está aberto o prazo para apuntarse ao webinar De Ana Orantes a Diana Quer e mentres tanto A manada, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por Isabel Menéndez, que se realizará o 25 de marzo, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online. Tamén continúa aberta a inscrición nos webinars sobre tratamento do suicidio (22 de abril, con Gabriel González) e información relativa a menores (3 de xuño, con Elena López) e a posibilidade de asistir aos tres con prezo reducido. 

Existe un consenso en recoñecer que, grazas á cobertura mediática do asasinato de Orantes, en decembro de 1997, se visibilizou tanto a violencia contra as mulleres como a loita para erradicala. Agora que estamos a asistir a unha realidade recentemente visibilizada nos medios de comunicación, relacionada con agresións sexuais, o curso De Ana Orantes a Diana Quer e mentres tanto A manada reflexionará sobre os retos destas novas, que tamén son violencia de xénero, e proporá estratexias de mellora do seu tratamento informativo. Impartido por María Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidad de Burgos, cunha carreira investigadora centrada na análise feminista das industrias culturais e o tratamento informativo da violencia machista e simbólica, ademais dunha dilatada traxectoria como consultora para institucións públicas e empresas no ámbito das políticas de igualdade e a prevención da violencia de xénero.

O sábado 22 de abril será a vez de Informar sobre suicidio: cando, como e para que, un webinar destinado a reflexionar sobre como abordar un caso concreto na redacción, cando un suicidio é susceptible de ser noticia, liñas vermellas que non hai que traspasar, que dicir e que non dicir para evitar o efecto contaxio... . No curso farase ademais un repaso histórico a cómo se tratou o suicidio os medios de comunicación, cun resumo dos estudos sobre o efecto contaxio, e daranse consellos para abordar o fenómeno de modo que se poida contribuír a reducir o tabú e o estigma que tanto dano fai á prevención. O responsábel da formación será Gabriel González Ortiz, xornalista do Diario de Navarra e profesor de comunicación na Universidad de Navarra. Autor do libro Hablemos del suicidio, pautas y reflexiones para abordar este tema en los medios, é membro da Comisión Interinstitucional para a Prevención das Condutas Suicidas do Goberno de Navarra e imparte docencia no Postgrao de Experto en Suicidoloxía da Universidad del País Vasco-Euskal Herriko Unibertsitatea.

Finalmente, o sabado 3 de xuño, Elena López Fernández impartirá o webinar A información relativa a menores no Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia, centrado no tratamento que dende o gabinete da Fiscalía Superior de Galicia se fai dos asuntos relacionados con menores. No curso detallaranse as peculiaridades desta especialidade, como cal é o motivo do tratamento diferenciado dos asuntos de adultos, que tipo de nenos chegan á "Fiscalía de Menores"ou as razóns de que sexan habituais os xuízos a porta fechada. Ofreceránse ademais exemplos de asuntos reais e aclararanse cuestións xerais, como que é a Fiscalía, cal é o seu papel no procedemento xudicial ou como é o traballo habitual do Gabinete. Todo isto tendo como base o Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia vixente desde o ano pasado. López Fernández é xefa de Comunicación e Protocolo da Fiscalía Superior de Galicia desde 2021 e ten unha experiencia de vinte anos como xornalista en diversos medios.

Os cursos realizaranse a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoass que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Aquelas colexiadas e colexiados que decidan inscribirse a todos os cursos terán un prezo reducido de 21 euros polos tres. Para inscribirse é preciso enviar, antes do mércores anterior a cada curso, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG