O outono trae o lanzamento de novos medios de ámbito estatal

A nova tempada informativa traerá novas referencias no panorama mediático estatal. En outubro teñen anunciado o seu nacemento o xornal El Periódico de España, a nova cabeceira de Prensa Ibérica, e a canle de televisión 7NN, que emitirá pola TDT. Mentres tanto, La Séptima, a cadea televisiva anunciada por Marcos de Quinto, prevé o seu lanzamento para finais do ano.

El Periódico de España é o nome que Prensa Ibérica, grupo que edita 24 cabeceiras rexionais en once comunidades autónomas, escolleu para o seu proxecto dun xornal estatal con sede en Madrid. O novo medio estará dirixido por Fernando Garea, ex director da Axencia EFE, e xa se coñecen algúns nomes que integrarán a súa redacción, como os de Tono Calleja, Jacobo de Arce, Elena Vélez, David Page ou Rafa Bernardo. O xornal ten prevista a súa saída para o 12 de outubro

Tamén para outubro, neste caso para o 21 anuncia a súa chegada 7NN, anunciada nas redes sociais baixo o nome "La Alternativa", unha nova canle de información 24 horas impulsada polo exdirector xeral da antigua Intereconomía, Marcial Cuquerella, e que terá emisións pola TDT, previsibelmente a través dunha frecuencia alugada, aínda que se descoñece de cal. Os seus programas anunciados estarán presentados por Luis Losada, María Durán, Javier Villamor, Antonio Muro e Fernando Paz.

Máis haberá que esperar para La Séptima, a nova canle de televisión impulsada por Marcos de Quinto, coa participación de Félix Revuelta e Juan Francisco Zambudio. Aínda que se anunciara o seu nacemento tamén para outubro, finalmente se adía o lanzamento até finais deste 2021. Contará con estudios en Madrid e en Murcia e o seu modelo apostará pola mestura de información e entretemento. Algunhas fontes aseguran que contará cunha licenza da TDT propia. Precisamente, esta semana Unidad Editorial anunciaba que puña á venda as súas dúas licenzas, alugadas actualmente a GolTV e DMAX, mentres que Secuoya tamén anunciou a venda da licenza pola que emite TEN. 

A estes lanzamentos aínda poderían sumarse outros no eido dixital, onde algúns medios aseguraron que Bieito Rubido e Álvaro Nieto están a tentar pór en marcha novas cabeceiras informativas de ámbito estatal. Porén, destes proxectos non se coñece máis información.

CPXG