O Parlamento Europeo decide estudar se Telemadrid vulnera o dereito de liberdade de expresión

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a trámite unha solicitude do Comité de Empresa de Telemadrid, de marzo do 2006, para que considere a posible vulneración por parte da dirección da canle autonómica do artigo 11 da Carta de Dereitos Fundamentais da UE, segundo informou onte CCOO. Dito artigo considera que "toda persoa ten dereito á liberdade de expresión", e que "este dereito comprende a liberdade de opinión e a liberdade de recibir ou comunicar informacións ou ideas sen que poida haber inxerencias de autoridades públicas e sen consideración de fronteiras".
O presidente da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, Marcin Libicki, indica nunha carta dirixida ó Comité de Empresa de Telemadrid e recollida por CCOO nun comunicado, que decidiu "solicitar á Comisión Europea que inicie unha investigación preliminar sobre os diferentes aspectos do problema".

Segundo o trámite establecido, tras a misiva, Bruxelas reclamará información ó Comité de Empresa e a Dirección de Telemadrid, co fin de poder chegar a unha resolución final que inclúa unha declaración institucional do Parlamento estimando ou non a demanda, "cuxo carácter non é vinculante aínda que si implica unha amoestación de indubidable valor moral para os traballadores que levan denunciando a súa situación desde fai meses", indica CCOO.

Satisfacción dos traballadores

Os Comités de Empresa de Telemadrid e Onda Madrid, así como as seccións sindicais de CCOO, UGT e CGT manifestaron a súa satisfacción pola admisión a trámite da súa denuncia, "sexa cal sexa a decisión final do Parlamento Europeo".

Pola súa parte, os conselleiros socialistas de Radio Televisión Madrid (RTVM) manifestaron que a admisión a trámite da denuncia supón "un paso máis no descrédito e o estrago ó que conducen á cadea os xestores do PP".

A través dun comunicado, os conselleiros nomeados a proposta do PSOE fan un "chamamento" á dirección do ente público para que "poña fin" á "falta de liberdade de expresión" e á "corrupción informativa" na televisión autonómica madrileña.

Resposta de Telemadrid

A dirección de Telemadrid asegurou onte que porá a disposición da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo toda a información que sexa requirida e que "se vai acreditar" que os seus informativos son "rigorosos, veraces e obxectivos", e os programas de debates "plurais".

Nun comunicado, a cadea autonómica agregou que non ten ningún inconveniente en que se investigue "o nivel de rigor e obxectividade dos seus programas informativos", pero considerou "que o mesmo debería facerse coas demais televisións públicas de España".

Para Telemadrid, a admisión a trámite dunha iniciativa destas características é "o habitual sempre que se presenta e, nin moito menos, supón unha censura a Telemadrid, como o PSOE e os sindicatos, que a impulsaron, a queren presentar", engade o comunicado.

"Simple rutina administrativa"

Pola súa parte, o Partido Popular na Asemblea de Madrid abundou nesta idea ó considerar que a admisión a trámite "non é máis que unha simple rutina administrativa".

O portavoz adxunto do PP, David Pérez, lamentou ademais, nun comunicado, que o PSOE "traslade a súa campaña de acoso a Telemadrid" a Europa e considerou que sería desexable que se investigue tamén "as purgas políticas de RTVE, a censura implacable de Canal Sur ou a TV castelán-manchega".

MADRID
ESTRELLA DIGITAL / EFE