O persoal da CRTVG e a RTVE en Galicia maniféstase este sábado "pola dignidade dos medios públicos"

O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia e o Comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia convocan conxuntamente unha manifestación para o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela co obxecto de reivindicar "a dignidade dos medios públicos de comunicación".

Ambos os dous comités promoven esta manifestación para "contra o uso partidista e a manipulación informativa" dos medios públicos, logo de que o persoal puxese en marcha primeiro no centro da RTVE en Galicia e despois na CRTVG os chamados “venres negros”. A representación sindical asegura que os medios públicos están neste momento "nunha situación de deterioro a causa dun modelo de xestión que non atende aos criterios de servizo para os que foron concibidos".

A manifestación, que coincide co último treito do Camiño de Santiago, comezará ás 10:30 nas instalacións da CRTVG en San Marcos, pasará tamén pola sede da RTVE en San Marcos, e finalizará contra as 12:30 na Praza das Praterías. Os comités organizadores convidan a todo o persoal dos medios públicos e ao conxunto da sociedade galega a participar nun acto que definen como "un posicionamento a prol do dereito fundamental á información".

Máis información en Pola dignidade dos medios públicos.

CPXG