O Pleno Territorial do CPXG fai un chamamento aos poderes públicos para que extremen o respecto nas relacións cos medios de comunicación

O Pleno Territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) acordou na súa última reunión do 28 de outubro de 2006, na que ratificou por unanimidade unha resolución da Xunta de Goberno do CPXG (documento anexo) en relación cunha solicitude de amparo presentada polo colexiado Luís Pérez Fernández, difundir o seguinte comunicado:
1. Tal e como se deriva do dereito á información recoñecido na Constitución, é unha obriga dos medios de comunicación e dos xornalistas extremar a vixiancia das actividades que desenvolven os poderes públicos. Só deste xeito os cidadáns estarán en situación de formarse unha opinión acerca dos seus representantes nas institucións.

2. Os cidadáns, pero tamén as administracións públicas, tal e como establece a Lei Orgánica 2/1984 de 26 de marzo reguladora do Dereito de Rectificación, poden solicitar a rectificación dunha información cando entendan que non se corresponde coa realidade. Este dereito, nembargantes, non é de aplicación a unha opinión, que é un xuízo comunicado e non se lle pode esixir, polo tanto, que sexa verdadeira ou falsa, ao contrario do que debe suceder respecto da verdade comunicada que deriva dos textos informativos. Esa é a razón pola que un texto de opinión admite unha pluralidade de lecturas e interpretacións.

3. De todo isto dedúcese que non ten sentido que ninguna institución solicite unha explicación e aínda unha rectificación sobre os xuízos de valor de un columnista. Calquera persoa que se sinta agraviada por un texto desa natureza sempre pode optar, no caso de que o autor ou autora se reafirme no publicado, pola vía xudicial.

4. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai un chamamento ós poderes públicos para que, na súa relación cos medios de comunicación en xeral o cos xornalistas en particular, extremen a corrección e eviten comportamentos que directa ou indirectamente podan perturbar o exercicio do dereito á información e o dereito á liberdade de expresión.

Pleno Territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia