O prazo de voto por correo electrónico para o III Premio José Couso remata hoxe 28 de marzo

Oito candidaturas optan á III Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova. Os finalistas son César Hildebrant, Felipe Suárez, Gervasio Sánchez, Gorka Landaburu e o xornal Euskaldunon Egunkaria, Jon Lee Anderson, as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo, Tomás Alcoverro e Pedro Nolasco.
O prazo de votación por internet para escoller ao gañador do III Premio José Couso pecharase hoxe 28 de marzo. Poden votar a través de internet todos aqueles colexiados do CPXG ou socios do Club de Prensa que non tiveran solicitado a papeleta para votar por correo ordinario.

Os colexiados do CPXG votarán a través da intranet da páxina web do Colexio, no apartado que se atopa pinchando na seguinte ligazón: http://www.xornalistas.com/colexiados/foros/login.php. Lembramos que os colexiados que aínda non estean en posesión das súas contrasinais deberan solicitalas ó CPXG a través do correo electronico, xornalistas@xornalistas.com, facilitando o seu nome, DNI e número de colexiado.

Os socios do Club de Prensa deberán solicitar a papeleta enviando un correo electrónico ao enderezo premiocouso@xornalistas.com. Nel teñen que indicar o seu nome, DNI e número de asociados do Club de Prensa.

Sobre os candidatos

César Hildebrant é o xornalista de maior traxectoria, recoñecemento e credibilidade en Perú; Felipe Suárez, xornalista e presidente de honra da Fundación Galega contra o Narcotráfico, realizou numerosas campañas de sensibilización cidadá sobre o problema da drogadicción; Gervasio Sánchez leva traballando medio cuarto de século en zonas de conflicto de todo o mundo; a candidatura de Gorka Landaburu e do xornal Euskadunon Egunkaria preséntase como recoñecemento ó colectivo de xornalistas do Pais Vasco; Jon Lee Anderson é un destacado xornalista estadounidense do semanario The New Yorker; as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo recibiron a nominación pola súa visión particular e independente da Transición; o xornalista barcelonés Tomás Alcoverro é o correspondente do xornal La Vanguardia en Oriente Medio dende 1970; e, finalmente, o xornalista exiliado Pedro Nolasco, actual correspondente de RSF en Guinea Ecuatorial, é un activista comprometido ante os atentados contra a liberdade de prensa.

O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa no mes de abril en Ferrol. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, creada por Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará no mes de maio en Ferrol.