O Premio Carracedo pasa a recoñecer unha traxectoria profesional e contará desde este ano cunha bolsa para o mellor estudante ourensan que inicie Xornalismo

Pazo da Deputación de Ourense

O Premio Xosé Aurelio Carracedo, convocado pola Deputación de Ourense e en cuxo xurado participa o Colexio de Xornalistas, anuncia a súa renovación a partir deste ano. A XXXIII edición do galardón recoñeceráa traxectoria profesional dun xornalista, ademais de contar cunha bolsa para o ourensán ou a ourensá con mellor expediente académico que curse o primeiro ano do grao en Xornalismo.

Con motivo do Dïa Internacional da Liberdade de Prensa o pasado 3 de maio, a Deputación de Ourense anunciou as novidades da próxima convocatoria do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, que celebra este ano a súa XXXIII edición. A partir de agora o recoñecemento terá dúas modalidades: un galardón á traxectoria dun profesional dos medios de comunicación e unha bolsa para estudantes que inicien o grao de Xornalismo nunha universidade pública española.

As novas bases do premio, que están en proceso de ser aprobadas, estabelecen que a partir desta edición o galardón vai ter como finalidade recoñecer a traxectoria profesional dun xornalista, tendo en conta para o fallo os seus vencellos persoais ou profesionais con Galicia, especialmente coa provincia de Ourense, cunha dotación económica de 4.500 euros. As persoas que integren o xurado poderán presentar ata tres candidaturas por cada un dos membros para esta categoría, mentres que asociacións ou colectivos de calquera ámbito poderán presentar unha candidatura por entidade.

Así mesmo, a Deputación estabelece unha segunda modalidade ao promover a Bolsa Xosé Aurelio Carracedo, dotada con 3.000 euros. Con ela, premiarase o mellor expediente económico daquela alumna ou alumno ourensán que cursara o primeiro ano do grao en Xornalismo dentro do sistema público universitario español, correspondente ao ano académico 2022-2023. 

O xurado estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense e contará como sempre cun vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ademais de representación da Federación de Asociaciones de Periodistas de España, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo.

CPXG