O primeiro encontro ‘Xornalistas no mercado’ debate sobre o papel do xornalismo nos tempos da creación de contido
As periodistas Fernanda Tabarés e María Yáñez conversaron sobre o presente e o futuro da profesión, moderadas por Marta Otero, redactora de La Opinión e representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia na demarcación da Coruña, no primeiro encontro ‘Xornalistas no mercado’, que se desenvolveu este sábado 12 de abril no mercado de San Agustín da Coruña.
Na conversa debateuse sobre a definición de xornalista en tempos de ‘creadores de contido’ e ‘influencers’. Yáñez apelou á “responsabilidade e o oficio” que deben caracterizar o periodismo e Tabarés aludiu ao “compromiso coa información” e ao “procedemento” que supón o traballo xornalístico, “para ofrecer garantías a quen consome a información”.
Falouse tamén do papel das empresas xornalísticas, cuxa necesidade defendeu Tabarés porque o xornalismo é “un traballo colectivo”, mentres Yáñez sinalou a necesidade de que xurdan “proxectos con estruturas diferentes e modelos de negocio viables” e de que os medios entendan que a “relación cos lectores cambiou”.
As participantes resaltaron a necesidade da boa información para as sociedades que aspiran a ser libres, as dificultades da cidadanía para identificar o periodismo “na selva“ de contidos actual e as repercusións da precarización das redaccións na calidade da información.
‘Xornalistas no mercado’ é unha iniciativa da demarcación da Coruña do CPXG, coa colaboración de A Parva, a cantina do mercado de San Agustín, rexentada por periodistas. on estes encontros, que se producirán periodicamente, o Colexio de Xornalistas quere favorecer a xuntanza entre profesionais e estimular a conversa sobre as condicións nas que se exerce o xornalismo.
CPXG