O público de Barreiros accede a ferramentas contra a desinformación cos obradoiros do CPXG
A xornalista Carmen Quintela foi a encargada de impartir este martes 30 de xuño en Barreiros un novo obradoiro de alfabetización contra a desinformación organizado polo Colexio de Xornalistas coa subvención da Deputación de Lugo. A poboación da localidade mariñá puido achegarse no Centro Sociocultural de San Cosme a ferramentas e estratexias para distinguir as noticias falsas e loitar contra elas.
Os Obradoiros contra a desinformación desenvolvidos en Lugo polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa subvención da Deputación de Lugo, chegaron este martes 30 de xuño ao Centro Sociocultural de San Cosme en Barreiros, onde o público desta localidade puido desfrutar deste acto dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta.
O obradoiro, realizado ás 11:00 da mañá, estivo impartido pola xornalista Carmen Quintela, especializada na cobertura e investigación con enfoque de xénero. Actualmente traballa a distancia como coordinadora editorial da Agencia Ocote, medio guatemalteco especializado en temas de xénero, medioambiente, memoria histórica e verificación; e colabora tamén en medios como elDiario.es. O seu traballo foi recoñecido en dúas ocasións co premio nacional de xornalismo de Guatemala e nunha co premio da Iniciativa para o Xornalismo de Investigación nas Américas do ICFJ e o traballo coordinado por ela «No fue el fuego», foi galardoado co Premio Gabo 2022 na categoría de cobertura. Como todas e todos os formadores dos obradoiros, Quintela recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
Obradoiros contra a desinformación
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.
CPXG