O quinto capítulo de 'Poñer a voz' analiza o legado de Begoña Caamaño na profesión
"A radio acesa", a quinta entrega de Poñer a voz, o podcast do Colexio de Xornalistas realizado co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e baixo a dirección de Lucía Junquera, aborda a herdanza deixada por Begoña Caamaño para as futuras xeracións de xornalistas. Con este episodio ponse o remate ao retrato sonoro desta comunicadora, máis aínda haberá unha entrega extra a semana que vén coa posta a disposición da gravación da xornada realizada o pasado 25 de abril.
Coa celebración dunha xornalista de radio e de prensa, escritora, viaxeira, sindicalista, defensora dos dereitos humanos, da lingua, dos medios públicos e feminista, estas Letras Galegas permítennos coñecer unha profesional valente, decidida nas súas posturas, que arriscou e loitou polas causas que consideraba xustas. Unha activista do xornalismo. Unha autora liberadora. Neste último episodio de Poñer a voz abordamos o legado de Begoña Caamaño e a súa herdanza para as futuras xeracións de xornalistas.
"A radio acesa" é a última entrega do podcast Poñer a voz, realizado polo Colexio de Xornalistas co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e baixo a dirección de Lucía Junquera, e xa pode escoitarse en Ivoox, Spotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Mais na semana do Día das Letras, aínda se disponibilizará un novo audio, coa gravación da xornada en homenaxe a Begoña Caamaño realizada o pasado 25 de abril na Casa das Máquinas de Santiago de Compostela.
Poñer a voz
O podcast Poñer a voz é un relato sonoro en cinco capítulos que atravesa a vida de Begoña Caamaño. Desde a súa infancia e xuventude en Vigo, onde prende a paixón por contar historias, ata a súa implicación vital no feminismo, no coidado da lingua, no antimilitarismo e na defensa dos medios públicos. Como nexo: o xornalismo. A radio como medio fundamental, pero tamén os artigos que escribiu na prensa e revistas especializadas. Unha lingua e unha linguaxe propia, diferente á literaria, pero que tamén conforma as nosas Letras Galegas.
Poñer a voz pode escoitarse a través de Ivoox, Spotify e Apple Podcast, ademais de na web de Xornalistas. Ademais da voz conservada pola radio da propia Begoña Caamaño, e da dirección e condución de Lucía Junquera, o podcast vai contar coa participación de Bea Caamaño, Ana Romaní, Xosé María Palmeiro, Concha Cid Fuentes, María Xosé Porteiro, Fani del Río, Víctor Freixanes, Tiago Alvite, Raquel Lema, Carme Hermida, Silvia López, Uxía Iglesias e Belén Teiga.
CPXG