O regreso a Italia de Cecilia Sala abre o ano tras un 2024 con varias liberacións destacadas de xornalistas
A posta en liberdade de Cecilia Sala, xornalista italiana detida en Irán, fai comezar o 2025 cunha boa nova. A excarceración desta comunicadora vén a sumarse a outras producidas no ano pasado, de entre as que Reporteiros Sen Fronteiras escolleu recentemente as dez máis salientábeis. Entre elas, as de Julian Assange, Nilufar Hamedi e Elaheh Mohammadi, galardoados co Premio Couso.
A xornalista italiana Cecilia Sala foi liberada polas autoridades iraniana este mércores 8 de xaneiro tras pasar 29 días detida en réxime de illamento na prisión de Evin, coñecida por ser o lugar de encerro de numerosos activistas e opositores, e xa se encontra no seu país. Sala, informadora de Il Foglio de 29 anos, fora arrestada o 29 de decembro, acusada de "violar as leis da República Islámica" nunha viaxe de traballo a Irán, e converteuse nunha das detencións de xornalistas máis mediáticas do pasado ano. Co anunciamento da súa liberación, chega unha das primeiras boas novas para a liberdade de prensa do 2025.
Con frecuencia, os balances do dereito á información e das liberdades de prensa tenden a centrarse no negativo, perante as necesidades marcadas por uns datos arrepiantes de xornalistas encarcerados ou asasinados cada ano. Precisamente para combater esta sensación, Reporteiros Sen Fronteiras lembraba recentemente que o 2024 tamén estivo marcado por numerosas liberacións de xornalistas, e facía unha selección das dez máis importantes conseguidas pola mobilización internacional o ano pasado. Entre elas, destácanse as de Nilufar Hamedi e Elaheh Mohammadi, gañadoras do XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, e Julian Assange, fundador de Wikileaks, as organización que recibira o mesmo galardón no 2011.
As outras liberacións destacadas por RSF son as de Stanis Bujakera na República Democrática do Congo; Aasif Sultan na India; Omar Radi, Soulaimane Raissouni e Taoufik Bouachrine en Marrocos; Floriane Irangabiye en Burundi; Jose Rubén Zamora en Guatemala; Ihsane El Kadi en Alxeria; e Hanin Gebran e Tal al-Mallouhi en Siria.
CPXG