O SPIB publica un manual de boas prácticas para o tratamento xornalístico da saúde mental
O Sindicat de Periodistes de les Illes Balears publicou a guía Xornalismo e Saúde mental, que busca axudar aos e as xornalistas a evitar prexuízos, corrixir erros e fomentar a inclusión á hora de informar sobre o grave problema de saúde pública que representan os trastornos mentais.
O Sindicat de Periodistes de les Illes Balears vén de elaborar o manual de boas prácticas Xornalismo e Saúde mental, co que se busca que os medios corrixan os errores e prexuízos sobre esta temática "para xogar un papel positivo, que afaste o estigma de quen sofre trastornos de saúde mental, contribúa á súa inclusión e promova políticas públicas máis decididas en favor dos afectados e as súas familias".
O documento lembra que "os trastornos mentais graves afectan a entre o 2,5 % e o 3 % da poboación española e que tanto a ansiedade como a depresión se extenden ao 6,7 % da cidadanía". Porén, a reproducción nos medios dos prexuízos sobre saúde mental entorpecen os avances contra este grave problema de saúde pública, polo que os e as xornalistas "temos o deber social de escoitar os expertos e os enfermos para aprender como axudalos e que cambiar para informar de forma constructiva".
A guía, que parte dos principios de evitar prexuízos, corrixir erros e fomentar a inclusión, ofrece unha serie de catorce claves para mellorar o tratamento xornalístico desta cuestión, entre os que se atopan considerar os trastornos de saúde mental como un problema de saúde pública, evitar dar relevancia á enfermidade mental por riba do resto de circunstancias para explicar casos de violencia, dar voz ás persoas con problemas de saúde mental, difundir historias de superación, logros sanitarios e recursos ou pedir información a especialistas e rexeitar fontes pouco fiábeis.
O Colexio de Xornalistas conta tamén cunha Guía práctica para o tratamento informativo da saúde mental, realizada xunto ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia no marco das Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano Informa_Dor.
CPXG