O TC avala que as radios non paguen un canon por retransmitir eventos deportivos

Tras cinco anos de espera, o Tribunal Constitucional vén de emitir o seu veredito sobre o artigo da Lei Xeral da Comunicación Audiovisual de 2010 que permitía as emisoras radiofíonicas o libre acceso aos estadios pagando unicamente unha compensación polo uso das instalacións. A sentenza estabelece que a norma perseguía unha finalidade lexítima, ao buscar garantir o dereito á información consagrado na Constitución. 

O Tribunal Constitucional (TC) vén de avalar que as emisoras de radio entren aos estadios para retransmitir os espectáculos deportivos sen necesidade de pagar ningún canon. O TC desestima así a cuestión de inconstitucionalidade que promoveu o Tribunal Supremo e considera que a Lei Xeral da Comunicación Audiovisual, ao garantir o dereito ao libre acceso das radios aos eventos deportivos, cumpre unha finalidade lexítima sen afectar ao contido esencial dos dereitos de explotación dos organizadores. Elevada polo Supremo no 2018, esta cuestión era a máis antiga que aínda estaba sen resolver no TC, logo de que este mesmo mes se resolvera o recurso de inconstucionalidade sobre a lei do aborto. 

O conflito que resolve agora o Constitucional remóntase a 2011, cando a Liga de Fútbol Profesional decidiu esixir un canon para as radios e negou a entrada aos estadios das emisoras que non o abonaran, o que xerou numerosas protestas e demandas xudiciais da RNE, a Cope, a Cadena Ser e Onda Cero. O Real Decreto Lei 15/2012 do 20 de abril modificou a este respecto a Lei Xeral da Comunicación Audiovisual de 2010, estabelecendo que "os prestadores de servizos de comunicación audiovisual radiofónica disporán de libre acceso aos estadios e recintos para retransmitir en directo os acontecementos deportivos que teñan lugar nos mesmos, a cambio dunha compensación económica equivalente aos costes xerados polo exercicio dese dereito". A Comisión do Mercado das Telecomunicacións fixou en 85 euros a cantidade a pagar aos clubes de futbol por partido e emisora, e a Audiencia Nacional elevouna até os cen euros

A Liga de Futbol profesional recorreu ao Tribunal Supremo a decisión da Audiencia Nacional, considerando que suprimía "o contido esencial do dereito de propiedade e de libre empresa". Foi este tribunal o que, ante as dúbidas legais que lle formulaba o artigo 19.4 da Lei Audiovisual, decidiu elevar a consulta ao Constitucional. A sentenza coñecida agora, cuxa ponente é a maxistrada María Luisa Balaguer, considera que, se ben a medida pode afectar ao dereito á propiedade, a finalidade perseguida xustifica esta afectación, posto que busca garantir o dereito a informar e recibir información, ao amparo do artigo 20 da Constitución Española. De igual xeito, descarta que a lei vulnere o dereito á libre empresa, porque a medida perseguida polo lexislador ten un obxectivo constitucionalmente lexítimo: o de poder informar sobre todos os feitos noticiábeis que se produzan arredor do espectáculo deportivo.

A Asociación Española de la Radiodifusión Comercial, que agrupa á inmensa maioría das emisoras radiofónicas privadas, emitiu un comunicado celebrando o "apoio do Tribunal Constitucional á radio como garante do dereito á información" e lembrando que "as radios xa pagan actualmente por entrar a cada estadio en concepto do uso das instalacións para exercer o seu labor profesional".

CPXG