O TSXG avala o dereito dos xornalistas a coñecer os datos sobre a Covid-19 nas residencias privadas

Unha resolución xudicial do TSXG ditada esta semana defende que o dereito ao acceso á información pública "debe primar" á hora de coñecer os datos sobre contaxios e falecementos por Covid-19 nas residencias privadas de maiores. A sentenza, contra a que aínda cabe recurso de casación, considera que estes datos teñen "natureza de información pública" e rexeita o recurso realizado polas empresas xestoras destes centros.  

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dictaminar o dereito dos xornalistas a coñecer os datos, desglosados por centros, sobre o número de contaxios e falecementos por Covid-19 nas residencias privadas de maiores de Galicia. Na sentenza, cuxo ponente foi o xuíz Luís Villares, estabelécese que "debe primar o dereito ao acceso á información pública pola concorrencia dun imperioso interese xeral en coñecer, tamén no eido do sector das residencias privadas de maiores, a eficacia na xestión da pandemia do Covid-19".

A resolución xudicial é a primeira de varias sobre peticións de transparencia similares, neste caso sobre a realizada por un xornalista de infoLIbre, e ten orixe na publicación dos primeiros datos sobre falecementos por Covid-19 nas residencias. Inicialmente, a Xunta ofreceu os datos desagregados das residencias públicas, pero rexeitou facilitar esa información sobre os centros privados. infoLibre recorreu a la Valedora do Pobo, que instou ao Goberno galego a facer públicos eses datos. Tras un longo proceso, a resolución foi acatada e seis empresas que xestionan residencias en Galicia demandaron á Xunta alegando "un demérito na estima pública das empresas titulares dos centros" e prexuízos contra os seus "intereses económicos e comerciais", alén dunha "vulneración de datos personais" das persoas residentes. Manuel Rico, director de investigación de infoLibre, personouse tamén como codemandado no procedemento.

A sentenza do TSXG considera que os datos foron recollidos pola Consellería de Política Social “en exercicio das súas funcións” e que, polo tanto, teñen “a natureza de información pública que lle atribúe o art. 13 da Lei estatal e 24.1 da lei galega”. Os maxistrados rexeitan que se vulnere a protección de datos das persoas usuarias dado que "os datos solicitados están completamente disociados de ningún tipo de información, de xeito que non resulta posible dese só dato numérico identificar a persoa ningunha", mentres que no relativo á honra e imaxe das empresas manifestan que "non pode vulnerar a honra dunha mercantil a difusión pública de datos reais e estatísticos sobre a incidencia da pandemia en cada un dos centros". Fronte á alegación de que os datos poderían ser descontextualizados, a resolución asegura que "a información estatística desagregada só completa o mapa territorial e situacional", polo que non publicala "deixaría ás entidades privadas nunha inxustificada situación de opacidade, que tamén podería dar lugar a especulacións sobre as razóns de non facelo", e lembra ás sociedades que "ningunha lei impide ás empresas facer públicos eses datos voluntariamente e acompañalos das explicacións que consideren oportunas". 

O TSXG condena ademais ás empresas a pagar as costas do preito. Contra esta resolución xudicial cabe recurso de casación nun prazo de 30 días, polo que a divulgación dos datos aínda se vai demorar.

CPXG