O TSXG confirma a condena á CRTVG por vulnerar o dereito á tutela xudicial e á liberdade de expresión dun xornalista

O TSXG vén de rexeitar o recurso da CRTVG contra a sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Compostela que condenara á corporación o pasado decembro por vulnerar o dereito á tutela xudicial e á liberdade de expresión do xornalista Carlos Jiménez. O Tribunal Superior confirma así a resolución xudicial de decembro do ano pasado, que impuña á CRTVG o pagamento de 6.251 euros en concepto de indemnización de danos e prexuízos, por considerar que a apertura dun expediente disciplinario a Jiménez estaba directamente relacionada coa implicación do xornalista nos chamados "venres negros", convocados pola platafoma Defende a Galega, galardoada co Premio José Couso no ano 2019, contra a manipulación informativa e o desmantelamento dos medios públicos. Contra a sentenza cabe a imposición dun recurso de casación nun prazo de dez días, unha medida que, segundo algunhas fontes, estaría estudando a dirección da CRTVG. 

Como xa manifestara cando se producira a sentenza do Xulgado do Social nº 1 de Compostela, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra o feito de que a xustiza ampare a liberdade de expresión dos xornalistas, un dereito imprescindíbel para que os profesionais sexamos garantes do dereito á información da cidadanía, e que resulta máis relevante e necesario, se cabe, ao se tratar dos medios públicos e dunha represalia contra unha manifestación en defensa da súa independencia e mantemento. A relación deste caso co dereito á liberdade de expresión é remarcada pola resolución do TSXG, que por primera vez considera como comprometido o dereito fundamental do traballador proclamado no artigo 20 da Constitución Española..

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas quere expresar a súa solidariedade con Carlos Jiménez e acolle con satisfacción a sentenza do Tribunal Superior da Xustiza de Galicia. Así mesmo, insta á Corporación Radio e Televisión de Galicia a desistir de impor recurso de casación contra a resolución xudicial e garantir no sucesivo o exercicio seguro da liberdade de expresión dos xornalistas, tanto neste caso como no resto de traballadores dos medios públicos.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia