O TXUE avala que un xornalista revele información privilexiada se o fai para verificala
Unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea vén de considerar lícito revelar información privilexiada a determinadas persoas dentro dunha investigación xornalística, sempre que se faga con fins profesionais e de maneira proporcionada. A resolución refírese a dous artigos no Daily Mail sobre a compra de accións de dúas sociedades, da que se beneficiaron cidadáns británicos que foron contactados polo xornalista e mercaron accións antes da publicación da información.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) considerou, nunha sentenza ditada a semana pasada, que é lícito que un xornalista revele información privilexiada, como rumores sobre compañías presentes no mercado de valores, a determinadas persoas, sempre que isto se faga con fins xornalísticos e de maneira proporcionada.
A sentenza do máximo órgano xudicial da UE ten a súa orixe na publicación de dous artigos no xornal británico Daily Mail, que se facían eco de rumores sobre a compra de accións das sociedades Hermès e Maurel & Prom. Para a realización dos artigos, o xornalista informou a algúns cidadáns británicos do contido da súa investigación, entre o que se encontraban prezos de compra que sobrepasaban ampliamente a cotización nese momento das dúas empresas. Os residentes británicos emitiron ordes de compra de accións de ambas as dúas sociedades pouco antes de que os artigos fosen publicados e venderon os títulos despois co conseguinte beneficio. Tras esta situación, a Autoridade dos Mercados Financeiros francesa multou o xornalista con 40.000 euros por considerar que revelara información privilexiada ao informar a estas persoas dos artigos. O informador recorreu a sentanza ante o Tribunal de Apelación de París, que solicitou ao TXUE que aclarara se esta comunicación pode considerarse información privilexiada.
Na súa resolución, o TXUE considera que a información sobre a publicación dos artigos pode entrar no concepto de información privilegiada se menciona, entre outros aspectos, o prezo de adquisición das accións. Pero aclara que a revelación deste tipo de información pode estar xustificada polas liberdades de prensa e expresión sempre que se faga con fins xornalísticos, o que inclúe tamén os traballos que realice o xornalista para confirmar a veracidade dos rumores. Polo tanto, expón que nun caso como este é preciso examinar se para comprobar a veracidad dos rumores o xornalista tiña que revelar non só os mesmos, senón tamén o feito de que ía publicar os artigos logo. Tamén explica que é preciso sopesar se a restricción á liberdade de prensa que suporía prohibir esa comunicación sería excesiva fronte ao prexuízo que podería causar aos intereses de determinados inversores ou á integridade dos mercados financeiros.
CPXG