O venres 12 de decembro preséntase en Santiago o libro 'Mirás: xornalismo gaiteiro'
A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acollerá o vindeiro venres 12 de decembro, ás 11:00 horas, a presentación do libro Mirás: Xornalismo gaiteiro. Este volume, elaborado polo Colexio de Xorrnalistas coa colaboración da Deputación da Coruña, La Voz de Galicia e a Facultade, recolle algúns dos mellores textos de Nacho Mirás Fole e serve de homenaxe a este destacado xornalista e profesor, falecido hai agora unha década.
Ao facerse os dez anos do pasamento de Nacho Mirás Fole, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, coa colaboración da Deputación da Coruña, La Voz de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), presentan o libro Mirás: Xornalismo gaiteiro, unha homenaxe ao oficio deste destacado xornalista, colexiado do CPXG e profesor universitario. O volume compila en case duascentas páxinas algúns dos textos máis memorábeis de Mirás, desde reportaxes ou entrevistas até entradas do seu coñecido blog rabudo.com. O libro inclúe, igualmente, varios artigos de xornalistas amigas e amigos que lembran vivencias con Mirás, así como unha serie de imaxes de fotógrafos que o retrataron ao longo dos anos.
A presentación do volume terá lugar ás 11:00 horas do venres 12 de decembro na Aula de Visionado 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago (Avenida de Castelao, s/n). No acto van intervir Belén Regueira Leal, decana do Colexio de Xornalistas; Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana da Facultade; Ignacio Carballo, delegado de La Voz de Galicia en Santiago; e Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña, ademais dalgúns familiares, compañeiros e compañeiras e amigas e amigos de Mirás: Darío Janeiro, Xosé López García, Tamara Montero, Fernando Varela Bibián e Ainhoa Apestegui. Todos eles e elas van contribuír a recordar a un profesional que se distingue xa, coa distancia do tempo, como un dos grandes da crónica xornalística galega.
O Colexio de Xornalistas mantén viva a figura de Mirás coa Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, que este ano chegou á súa décima edición, e que gañaron Paula Pérez Cantelar, Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía con Trescentostrece, un proxecto divulgativo sobre os concellos de Galicia. A bolsa conta co patrocinio ininterrompido de Abanca desde os seus inicios. Pola súa parte, na facultade de Ciencias da Comunicación existe a aula Nacho Mirás como recordo permanente do que tamén foi profesor deste centro.
CPXG