O venres 4 preséntase 'As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada'
A sede do Consello da Cultura Galega en Santiago acolle este venres 4 de xuño ás 10:30 a presentación do proxecto As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada, premiado nos VI Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña. No acto van intervir a coordinadora do proxecto Eliana Martíns, a decana Belén Regueira e a deputada da área de Igualdade da Deputación da Coruña Soledad Agra.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presenta este venres 4 de xuño en Santiago de Compostela o proxecto As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada. que recibiu un dos galardóns da sexta edición dos Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña. O acto vai ter lugar a partir das 10:30 da mañá na biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2 andar) e vai contar coa participación de Eliana Martíns, tesoureira do CPXG e coordinadora do proxecto; Belén Regueira, decana do CPXG; e Soledad Agra, deputada da área de Igualdade da Deputación da Coruña, promotora dos premios Luísa Villalta.
As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada reúne o legado das pioneiras do xornalismo galego, investigando e reivindicando as súas biografías, con entrevistas a referentes femininos da nosa profesión na actualidade. O obxectivo é o de rescatar, visibilizar e valorar o papel das xornalistas, ademais de inspirar ás novas xeracións con referentes mulleres. Para iso, combina unha introdución sobre o papel das mulleres desde o nacemento do xornalismo galego con entrevistas a informadoras da historia máis recente: Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní.
Os resultados do proxecto preséntanse nun volume de máis de 200 páxinas editado polo Colexio, así como nun espazo web no que se pode acceder a materiais adicionais. As autoras das entrevistas son Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso, e a publicación conta con fotografías de Lucía Junquera.
CPXG