O vindeiro luns 8 remata o prazo para escoller a candidatura gañadora do XX Premio Couso

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Wael Al-Dahdouh, Pablo González, Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi e Fran Sevilla

Ás 14:00 horas do luns 8 de abril remata o prazo para que os colexiados e colexiadas do CPXG e as socias e socios do Club de Prensa de Ferrol poidan escoller a candidatura gañadora do XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa. As candidaturas propostas para o premio nesta edición son Wael Al-Dahdouh, Pablo González, Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, e Fran Sevilla. Accede co teu contrasinal e vota aquí.

O XX Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, ten aberto ata as 14:00 horas do luns 8 de abril o prazo para votar entre as tres candidaturas: Wael Al-Dahdouh, Pablo González, Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, e Fran Sevilla. Os candidatos e candidatas, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostas dos colexiados e colexiados do CPXG, asociados e asociadas do Club de Prensa de Ferrol ou de entidades e persoas relacionadas coa comunicación. 

Wael Al-Dahdouh é un xornalista palestino, xefe da oficina de Al-Jazeera en Gaza, que continuou a informar logo de que a súa familia falecera nun bombardeamento israelí. Pablo González é un xornalista e politólogo vasco encarcerado en Polonia desde hai máis de dous anos sen que se presentara ningún cargo formal contra el. Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi son dúas xornalistas iranianas condenadas a prisión por informar do caso de Mahsa Amini, actualmente en liberdade coa prohibición de exercer a profesión. Fran Sevilla é un xornalista radiofónico madrileño especializado na información de guerra, que se ten caracterizado pola defensa dos máis débiles e dos dereitos humanos. Entre estas tres candidaturas decidirase o XX Premio Couso de Liberdade de Prensa.

Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. Se aínda non dispós das claves, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As dezanove edicións anteriores foron para Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Web do Premio Couso

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia