O xornalismo nos programas electorais dos principais partidos
Con motivo da cita electoral do 23 de xullo, os distintos partidos políticos publicaron nos últimos días os seus programas. Nesta información, recollemos as propostas relativas á profesión xornalística daquelas formacións que, presentándose nas circunscricións galegas, teñen na actualidade representación parlamentaria, ordeándoas de acordo á porcentaxe de voto que recibiron en Galicia nas últimas eleccións xerais, as de novembro de 2019.
Como medida máis relevante no referido ao xornalismo, o programa electoral do Partido Popular recolle no seu punto 216 que se promoverán "as actuacións necesarias para asegurar a independencia e a obxectividade nos medios de comunicación públicos". Ademais diso, os populares inclúen a vontade de mellorar a Lei de Transparencia, con medidas para reforzar o dereito de acceso á información pública e a capacidade de resposta do Consello de Transparencia e Bo goberno e o cumprimento das súas resolucións. No que fai á Lei de Segredos Oficiais, tamén relevante para o exercicio do xornalismo, prométese a aprobación dunha nova norma que "garanta a protección dos intereses nacionais dunha forma eficaz", ao tempo que estea adaptada ás novas tecnoloxías e aos avances no tratamento da información. Por último, o documento fai mención explícita á prensa no punto que fai referencia á elaboración dun un Plan Nacional de Prevención do Suicidio, citándoa como un dos axentes principais neste obxectivo.
Os principais asuntos do programa do PSOE que afectan ao xornalismo están referidos ao ámbito da transparencia. Neste apartado, prométese impulsar un novo Estatuto do Consello de Transparencia e Bo Goberno, reforzar a entrada en funcionamiento da Autoridade de Protección do Informante e aprobar a Estratexia Nacional de Loita contra as Campañas de Desinformación, así como incorporar novas categorías demandadas ao Portal de Transparencia. Propóñense tamén accións conxuntas cos medios para promover a investigación, previr o suicidio e combater o racismo, e “plans de acción e de seguimento continuo contra a desinformación”. O documento inclúe tamén o impulso de programas para mellorar o análise e procesamiento crítico da información entre o alumnado e do pensamento crítico para combater a desinformación dos menores nas redes. No cadro do Pacto Social pola Racionalización dos horarios, recóllese a adaptación dos horarios de máxima audiencia dos medios de comunicación.
Dous puntos destacan principalmente no programa de Sumar sobre o xornalismo. O primeiro salienta a importancia de potenciar a liberdade de expresión e protexer a liberdade de comunicación de usos fraudulentos, para o que propoñen unha "regulación soft" a través dun debate público que culmine en códigos de boas prácticas, pero explorando tamén vías normativas "como unha lei orgánica sobre o dereito a dar e recibir información veraz ou a reforma do dereito de rectificación das informacións falsas". O segundo comprométese á aprobación dun Estatuto da Información e á posta en marcha do Consello Estatal dos Medios Audiovisuais. Alén diso, desde este partido proponse tamén camiñar cara a unha programación multilingüe e en linguas cooficiais en todos os medios públicos, a redefinición do papel das televisións no financiamento do audiovisual ou o desenvolvemento dunha normativa destinada a impedir os monopolios na comunicación, así como a participación nos medios no fomento da vida sana, do deporte feminino, do software libre ou da loita contra a LGTBI+fobia.
O Bloque Nacionalista Galego promete no seu programa impulsar e apoiar "reformas para lograr maior pluralidade informativa nos medios de comunicación de titularidade pública, especialmente durante as convocatorias de procesos electorais". Tamén se inclúen neste documento medidas para aumentar a presenza da lingua galega nos medios, como garantir a emisión de producións culturais galegas na RTVE, incrementar as horas de desconexión territorial en lingua galega ou recuperar Radio 4 como emisora exclusivamente en galego. Inciden neste tema tamén a petición dunha reforma da Lei Audiovisual que busque "a plena igualdade de todas as linguas oficiais" e a esixencia do cumprimento do acordo para a recepción dos medios públicos audiovisuais de Portugal en Galicia e das emisións da CRTVG en Portugal. Por último, o partido nacionalista comprométese a aumentar a transparencia na Lei de Segredos Oficiais e a impulsar medidas para eliminar o sexismo nos medios, incluíndo un código ético de obrigado cumprimento para o acceso a fondos públicos.
Por último, o programa electoral de Vox promete a prohibición das axudas directas públicas a medios de comunicación, buscando que estes se financien unicamente co seu accionariado e as súas audiencias, e o desmantelamento dos oligopolios informativos para garantir "a imparcialidade, a libre competencia e a pluralidade na concesión de licenzas televisivas e radiofónicas". Este partido propón unha reforma das delegacións da Radiotelevisión Española como paso previo ao peche dos medios públicos autonómicos, que cualifican de "fontes de desbaratamento e instrumentos ao servizo do goberno rexional", así como medidas para eliminar da RTVE da "politización" á que consideran que se someteu á Corporación. Por último, o documento asegura que se vai garantir "o dereito a comunicar ou recibir libremente información veraz", mediante iniciativas destinadas a limitar a revisión das grandes plataformas dixitais sobre os contidos ou a consideración de "delito de odio" de determinadas manifestacións.
CPXG