O xoves 20 celébrase a xornada sobre comunicación corporativa na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC
Este vindeiro xoves 20 de novembro, entre as 10:00 e as 14:00 da mañá, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC a xornada A comunicación corporativa: Comunicar con estratexia, realizada coa subvención da Deputación da Coruña e a colaboración da Facultade.
O programa do encontro, con dúas mesas redondas compostas por representantes de axencias e responsábeis de comunicación das empresas, quere facer un achegamento necesario a unha saída laboral tan relevante actualmente para o xornalismo como é a da comunicación corporativa.
Tras a presentación da xornada, coas decanas do CPXG e da Facultade, Belén Regueira Leal e Ana Isabel Rodríguez Vázquez; a xornada iníciase coa mesa redonda "A Comunicación Empresarial desde a perspectiva das axencias", con Fátima Carmena Mayorga, directora da Axencia Nasas; Ángela Gómez Caruncho, directora de Galicia de Torres y Carrera; Marta Ferro Morado, directora xeral de Closet Comunicación: e Luisa Rodríguez Arca, directora rexional de Atrevia. Moderará o debate Lucía González Martínez, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea) e directora de márketing e Comunicación de PlaceIn. Ao finalizar, ás 11:45, realizarase un descanso de media hora.
Ás 12:15 terá lugar a segunda das mesas de debate, sobre "A Comunicación nas empresas", coordinada por Manuel Rey Pan, membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas, e na que van participar Beatriz Díaz Lorenzo, directora de comunicación e imaxe corporativa do Grupo Zendal; Isaac González Toribio, director de comunicación e relacións institucionais de ABANCA; Consuelo Luces Cores, responsábel de Márketing e Comunicación de Altia; Alba Rodríguez Rodríguez, da área de comunicación e márketing de Daveiga; e Sara Torreiro Rodríguez, responsábel de márketing e RSC da Casa Grande de Xanceda.
O acceso á xornada é libre e gratuíto e as persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario online. A sesión poderá seguirse por streaming a través desta ligazón: https://youtube.com/live/cqUj9qzs3Uk.. A posteriori, poderá solicitarse certificado de asistencia. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG
Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña
