Organizacións e sindicatos de xornalistas piden ao Goberno seren escoitadas para implementar o Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación
As organizacións e sindicatos de xornalistas asinantes deste comunicado, que representan a gran maioría da profesión, acordaron sumar esforzos e traballar de maneira conxunta para seren escoitadas polo Goberno no proceso de implementación en España do Regulamento Europeo sobre a Liberdade dos Medios de Comunicación, así como para urxir os grupos parlamentarios do Congreso a que tramiten un proxecto de Lei orgánica de protección do segredo profesional do xornalismo, pendente desde a anterior lexislatura.
O citado Regulamento Europeo vai ser moi positivo para o xornalismo e a liberdade de información, polo que estas organizacións consideran necesario que o Goberno conte coa súa opinión para levar a cabo todo o que dispón a devandita norma.
Con este obxectivo, a Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), as agrupacións de xornalistas das CCOO e da UGT, a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), o Col·egi de Periodistes de Catalunya, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, a Asociación de Periodistas Parlamentarios (APP) e Reporteiros sen Fronteiras (RSF) solicitaron unha xuntanza aos ministros de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, e de Cultura, Ernest Urtasun.
"Desde o máximo consenso entre as forzas políticas e as organizacións de xornalistas, poderemos superar os desafíos que enfronta a profesión, garantindo que o xornalismo siga a ser un alicerce fundamental da nosa democracia", indican na solicitude da xuntanza.
"Porén, mantémonos vixiantes para que as negociacións avancen e as reformas se materialicen de maneira efectiva nun marco ético que protexa os dereitos dos e das xornalistas e, en última instancia, o dereito da cidadanía a estar informada con rigor e transparencia".
Estas organizacións e sindicatos van solicitar tamén aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados que rexistren e tramiten un proxecto de Lei orgánica de protección do segredo profesional do xornalismo. Este proxecto de lei xa foi publicado no Boletín Oficial de las Cortes Generales o 22 de decembro de 2022, a instancias da FAPE, a FeSP e as agrupacións de xornalistas das CCOO e a UGT -estas tres últimas, en representación do Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP)-, que previamente obtiveran o compromiso da práctica totalidade dos grupos parlamentarios para apoiar esa norma.
O proxecto de lei decaeu pola disolución das Cortes e, na lexislatura actual, a FAPE e o FOP solicitaron de novo xuntanzas aos grupos parlamentarios para que ratifiquen o seu apoio. A esta iniciativa súmanse agora a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas e Reporteiros sen Fronteiras.
FEDERACIÓN DE ASOCIACIONES DE PERIODISTAS DE ESPAÑA (FAPE)
AGRUPACIÓN DE XORNALISTAS DAS CCOO
AGRUPACIÓN DE XORNALISTAS DA UGT
FEDERACIÓN DE SINDICATOS DE XORNALISTAS (FeSP)
COL·LEGI DE PERIODISTES DE CATALUNYA
COLEXIO PROFESIONAL DE XORNALISTAS DE GALICIA
REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS
ASOCIACIÓN DE PERIODISTAS PARLAMENTARIOS (APP)
REPORTEIROS SEN FRONTEIRAS (RSF)