Organizacións profesionais da avogacía, psicoloxía e xornalismo reúnen esforzos contra a violencia de xénero

O Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Consello da Avogacía Galega emitiron esta tarde no marco dun acto celebrado no Clube Internacional de Prensa ás 19:00 unha declaración institucional conxunta manifestando o seu "firme rexeitamento das conductas que supoñan calquera tipo de violencia cara a muller" así como "dos condicionantes sociais que subxacen a esta violencia".
No encontro, celebrado baixo o título "Eliminar a violencia contra as mulleres: un compromiso profesional", José Antonio López Graña, Presidente do Consello da Avogacía Galega, María Rosa Álvarez Prada, Decana do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, Luís Álvarez Pousa, Director do Observatorio Galego dos Medios e membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas e Concha Fernández, Coordinadora da Comisión Intersectorial de Xénero do Colexio Oficial de Psicólogos, expresaron a solidariedade das súas respectivas organizacións coas vítimas da violencia sexista.
Ante a proximidade do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, celebrado a nivel mundial o 25 de novembro, os colectivos profesionais representados apuntaron o seu compromiso por integrar unha perspectiva de xénero na súa labor, anunciando o estabelecemento de canles de colaboración entre eles tanto no marco das accións de formación como no seguimento do tratamento informativo das noticias relacionadas coa problemática da violencia e discriminación de xénero, a través do Observatorio Galego dos Medios.