Os colexios de xornalistas de Catalunya e Galicia felicítanse pola toma en consideración da proposición de lei do Estatuto profesional do xornalista

Os Colexios de Xornalistas de Catalunya e Galicia, reunidos en Compostela os días 26 e 27 de novembro, queren amosar publicamente o seu apoio á toma en consideración polo Congreso dos Deputados da proposición de lei do Estatuto Profesional do Xornalista promovido polo Foro de Organizacións de Xornalistas.
Ámbolos dous Colexios Profesionais, que representan a máis de 4.500 xornalistas de Catalunya e Galicia, son corporacións de dereito público que teñen un dobre obxectivo: defender os intereses da profesión e, moi especialmente, defender o dereito dos cidadáns a recibir unha información veraz e plural, como pilar básico de transmisión dos valores democráticos.

Os Colexios de Xornalistas de Catalunya e Galicia, en nome dos xornalistas de ámbalas dúas comunidades autónomas, expresamos o noso desexo de que o texto que finalmente se aprobe sirva de normativa básica que deberá ser desenvolvida polos parlamentos das Comunidades Autónomas.

Do mesmo xeito, queremos manifestar a necesidade de que se tramiten as bases dun proxecto de Dereitos Laborais dos Xornalistas que poñan fin á precariedade dos profesionais.

Co previo acordo das Xuntas de Goberno, ámbolos dous Colexios poñerán en marcha no mes de decembro o proceso para a creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas do Estado. Mentres o proceso non estea concluído, unha comisión mixta garantirá a coordinación a todos os efectos entre ambos Colexios (posicionamentos conxuntos, edición de materiais, desenvolvemento de iniciativas na rede, etc.)

Ambas entidades constatan a necesidade de que os medios de comunicación de titularidade pública estean rexidos por un Consello do Audiovisual e da Información independente do poder político e elixido por maiorías cualificadas polos parlamentos das Comunidades Autónomas. Neste organismo deberán estar representados a administración, os cidadáns e a profesión.

É imprescindible que os Consellos do Audiovisual e da Información teñan capacidade para emitir informes vinculantes sobre a concesión de novas emisoras de radio e televisión, así como capacidade de sanción. Polo tanto, consideramos incompatible cos valores do pluralismo democrático que os gobernos concedan licencias de emisión de radio e televisión en función dos seus intereses partidistas sen someterse a ningún dictame dun organismo independente como debe ser o Consello do Audiovisual e da Información.

No transcurso deste III Encontro, fíxose unha análise do estado de saúde democrática á información en Catalunya e Galicia. Constatamos que para que a cidadanía sexa verdadeiramente posuídora do pleno dereito á información ten que implicarse cívicamente na esixencia deste dereito.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2004