Os colexios de xornalistas remiten ao Parlamento unha proposta de regulamento de uso, código de boas prácticas e credenciais de prensa para o exercicio da profesión nas Cortes Xerais
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas remitiu aos grupos políticos con representación parlamentaria no Congreso e o Senado un documento-proposta como Regulamento de Uso e Código de Boas Prácticas para o outorgamento de Credenciais de Prensa nas Cortes Xerais (Senado, Congreso dos Deputados e outras dependencias). O obxectivo da iniciativa é que os grupos parlamentarios realicen as achegas e consideracións que estimen oportunas para que o devandito documento inicie o proceso e percorrido normativo necesario, e que poida ser aprobado convenientemente co maior consenso posíbel.
O documento, elaborado por xornalistas da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, céntrase fundamentalmente na concreción dos seguintes aspectos. En primeiro lugar, en considerar os requisitos que deberían cumprir os medios de comunicación e/o profesionais independentes que soliciten credenciais de prensa para o acceso ás Cortes Xerais. En segundo lugar, o documento desenvolve e materializa unha proposta de regulamento de uso e boas prácticas no seo das cortes españolas, que se cingue principalmente ás seguintes áreas: (1) os ámbitos das relacións profesionais entre representantes parlamentarios e profesionais xornalistas, (2) as funcións profesionais no traballo de intermediación e intercambio na actividade e a vida parlamentaria, (3) a xestión do contacto no encontro e as súas normas básicas; e, por último, avanza un réxime disciplinario.
Os colexios profesionais tamén queren reiterar e facer constar, unha vez máis, a necesidade de crear o Consello Xeral de Xornalismo, reclamado e exposto en innumerables ocasións por parte dos órganos colexiais. A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas entende como inestimábel a creación do Consello Xeral no marco actual, dada a súa pertinencia tras a apertura do Plan de Acción para a Democracia, que recentemente elaborou o Goberno.
Os órganos profesionais xornalísticos españois, dada a súa diversidade e pluralidade, lembran tamén que desde 2018 se entrevistaron en diversas ocasións cos grupos políticos con representación parlamentaria para expoñer este tema e, recentemente, un total de seis colexios profesionais (Asturias, Castela e León, Galicia, A Rioxa, Murcia e País Vasco) remitiu unha carta de disposición, ofrecemento, traballo e intercambio á presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol, que descoñecemos, ata o momento, se se tivo en consideración.
Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas