Os obradoiros contra a desinformación en Lugo comezan cunha xornada no Pazo de San Marcos

Pilar Rodríguez Losada impartindo o seminario

Pilar Rodríguez Losada impartiu este venres 5 de xuño no Pazo de San Marcos de Lugo o primeiro dos obradoiros que levarán a alfabetización mediática a vinte localidades de toda a provincia. Con esta formación, deseñada para trasladar a poboación adulta coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas, comeza o programa contra a desinformación organizado polo Colexio de Xornalistas coa subvención da Deputación de Lugo.

O programa de alfabetización mediática posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa subvención da Deputación de Lugo iniciouse este venres 5 cun obradoiro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos da capital. Pilar Rodríguez Losada, xornalista profesional cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia e nas plataformas online da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, forneceu ao público de Lugo de coñecementos e ferramentas para defenderse contra a desinformación.

Logo dunha introdución a cargo de Orestes Currás, representante de Lugo no Pleno Territorial do Colexio de Xornalistas, Pilar Rodríguez encargouse do obradoiro, no que as persoas asistentes puideron afondar nas diferenzas entre a información errónea e a desinformación, preguntarse quen e por que ten interese en enganarnos, coñecer as estratexias de espallamento das loiadas ou converterse eles mesmos en fact checkers verificadores da información.

Obradoiros contra a desinformación 

O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade. 

Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.

CPXG