Os obradoiros contra a desinformación regresan ao IES Camilo José Cela de Padrón

O xornalista Miguel Rodríguez Fernández impartiu este xoves un novo obradoiro contra a desinformación ao alumnado do IES Camilo José Cela de Padrón. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia está a desenvolver este programa de alfabetización en centros de ensino medio da Coruña grazas a un convenio asinado coa Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís.

Unha nova edición dos obradoiros contra a desinformación postos en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia grazas á área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña visitou hoxe o IES Camilo José Cela. Tras o taller impartido o pasado 14 de abril, máis rapaces e rapazas de Padrón puideron desfrutar dun taller, ás 8:45, impartido polo xornalista Miguel Rodríguez Fernández. Miguel Rodríguez traballou cinco anos en La Opinión A Coruña e foi xornalista de datos na axencia de noticias Press Association no Reino Unido; desde 2019 é editor de Datos en ICIS, ademais de colaborar con medios elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Tempos Novos.

Obradoiros contra a desiniformación 

O aumento da desinformación ou a confusión entre o que é e non é un medio na contorna dixital están a danar profundamente o xornalismo, que se enfronta a unha crise e un descrédito sen precedentes. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación trasladando á sociedade galega este programa de formación en alfabetización mediática. A través de xogos, historias e exemplos próximos a eles, os rapaces e rapazas do IES Camilo José Cela  reflexionaron sobre que intereses se atopan detrás da desinformación, descubriron as estratexias de quen difunde mentiras e aprenderon a ser eles mesmos verificadores das novas. O obxectivo é fornecer a toda a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas.

​Todos os obradoiros estarán impartido por profesionais colexiados e colexiadas, que recibiron formación específica en alfabetización mediática na xornada organizada polo Colexio de Xornalistas o pasado 14 de decembro. En concreto, as e os xornalistas que descubrirán ao alumnado da Coruña as estratexias de quen propaga noticias falsas e os recursos para contrastar información serán Pedro Costa Manteiga, Sara Garea López, Elena Martín Lores, Cinthia Piñeiro Acevedo, Miguel Rodríguez Fernández e Marga Tojo González.

CPXG