Os obradoiros contra a desinformación trasládanse este venres a Guitiriz
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza este venres 25 de setembro en Guitiriz unha nova entrega dos obradoiros contra a desinformación na provincia de Lugo, organizados coa subvención da Deputación de Lugo. O taller de alfabetización mediática, deseñado para trasladar a poboación adulta coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas, terá lugar ás 19:30 na Escola Habaneira e estará impartido por Elena Martín Lores.
O venres 25 de setembro vai ter lugar, a partir das 19:30 horas, un novo obradoiro do proxecto de formación en alfabetización mediática desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunha vintena de localidades lucenses, unha actividade subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo. O acto, dirixido a fomentar o consumo crítico e a mellor identificación da verdadeira información entre a poboación adulta, vai celebrarse na Escola Habaneira de Guitiriz (Rúa do Concello, 42). A poboación desta localidade da Terra Cha poderá así ter acceso a recursos e ferramentas para distinguir mellor o xornalismo de calidade e axudar a combater as noticias falsas.
O obradoiro estará impartido por Elena Martín Lores. Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora, Martín Lores forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine. Como o resto das formadoras, recibiu formación específica en alfabetización mediática para poder trasladar á poboación dunha maneira máis eficiente as mellores estratexias para recoñecer e combater a desinformación.
A asistencia ao acto é libre e gratuíta até cubrir a capacidade da sala, sen requerirse inscrición previa.
Obradoiros contra a desinformación
O contexto actual de proliferación de noticias falsas está a danar profundamente non só ao xornalismo, que se enfronta a unha crise sen precedentes, senón tamén a propia calidade democrática da nosa sociedade. Sen ferramentas para poder defendérmonos, ninguén está libre de ser vítima ou propagador da desinformación. É por iso que o Colexio de Xornalistas, na súa defensa da profesión, quere combater esta situación fornecendo a sociedade galega de coñecementos contra as mentiras e ferramentas para combatelas. O proxecto significa a adaptación a poboación adulta dunha iniciativa formativa que o Colexio leva realizando durante anos con gran éxito entre as e os escolares da comunidade.
Os obradoiros contra a desinformación chegarán aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro, e estarán impartidos por profesionais colexiados e colexiadas que recibiron formación específica: María del Carmen Abuín González, Elena Martín Lores, Maria Selina Otero Verdes, Carmen Quintela Babío, Miguel Rodríguez Fernández, María del Pilar Rodríguez Losada e Marga Tojo González. A actividade está subvencionada pola Deputación Provincial de Lugo.
CPXG