Os obradoiros de Xornalismo na Escola "la Caixa" visitan este venres Cee e Muros

Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, leva este venres a súa actividade ás localidades de Cee e Muros, con dous obradorios en cada unha delas. Os talleres de Cee realizaranse coa modalidade virtual

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita este venres o IES Agra das Raíces de Cee e o IES Fontexería de Muros. 

Os talleres no centro ceense desenvolveranse entre as 8:35 e as 10:10 e entre as 10:30 e as 12:05 horas, e estarán impartidos por Edith Filgueira Rodríguez, cun amplo currículo que abrangue distintos labores na Axencia Efe, La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo. Estes obradoiros será realizado coa nova modalidade que fixo nacer a situación sanitaria, a virtual, para adaptarse ás necesidades do alumnado. Pola súa banda, o instituto muradán acollerá dous obradoiros presenciais, das 10:30 ás 12:00 e das 12:30 ás 14:00 horas, da man de Olaia Tubío Rei. Tubío Rei é graduada en Xornalismo e estudante do mestrado en Xestión Cultural, que ten traballado na Televisión de Galicia e no El Progreso.

Os alumnados do IES Agra das Raíces e do IES Fontexería terán a oportunidade de participar este venres nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Neste momento no que o panorama mediático está invadido pola sobreinformación e as 'fake news', os talleres incluirán un apartado sobre a Covid-19, para fornecer os estudantes con ferramentas para enfrontarse á desinformación neste tema e comprender mellor a información científica. E por suposto, respectando de maneira escrupulosa todas as medidas de seguranza.  

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG